O Concello descarta a Noso Capital para xestionar a Estratexia Lugo Transforma por non acreditar solvencia económica suficiente

O Concello de Lugo vén de excluír, esta mañá, en Mesa de Contratación á empresa Noso Capital – unha das dúas firmas que concorreron ao proceso – como xestora dEstratexia Lugo Transforma por non acreditar suficientemente a súa solvencia económica.

A iniciativa pioneiraimpulsada polo Goberno, pretende atraer investimento a través dun fondo municipal dotado con 12 millóns de euros, e propiciar a implantación e consolidación, nun prazo de 5 anos, de pequenas e medianas empresas con alto impacto social e ambiental, xerando á súa vez emprego de calidade.

Un obxectivo para o que resultaba necesario demostrar unha traxectoria empresarial estable e continuada que tamén, economicamente, sexa garante dos intereses locais que se promoven.

Malia a que Noso Capital foi preseleccionada por axustarse aos criterios recollidos nos pregos, na segunda fase do concurso público non conseguiu probar que dispón dos recursos necesarios para asumir a intermediación financeira deste fondo de capital de risco, xa que un dos requirimentos era acreditar a disposición, en peche do exercicio 2019, dun patrimonio neto en balance superior aos 125.000 €.

Outra das esixencias era investir un mínimo de 1 millón de euros nos doce primeiros meses dende a súa constitución.

Trala determinación adoptada hoxe pola Mesa de Contratación, ábrese un prazo de 15 días no que a outra firma concorrente, Torsa Capital, deberá presentar a documentación correspondente que avale a súa solvencia económica para resultar adxudicataria do proceso.

Na selección das ofertas presentadas, e segundo recollían as bases da licitación, valorouse a estratexia de investimento deseñada que debía recoller, entre outros parámetros, a identificación dos sectores empresariais e un análise de mercado obxectivo, así como as políticas previstas de captación de fondos privados e un estudo sobre o impacto socioeconómico do fondo en Lugo. Tamén foi avaliada a estrutura de organización, gobernanza, control e supervisión, externa e interna, por parte do intermediario financeiro, de xeito que se garanta a execución do contrato segundo criterios de transparencia, formalidade e consistencia.

Os prazos marcados polo Concello para desenvolver a estratexia será de dez anos, ata o 30 de xuño do 2031, que é a duración que establece para estes instrumentos financeiros o ‘mecanismo de coinversión’ do regulamento europeo segundo a realidade do mercado.

“A meta é crear riqueza e tamén postos de traballo con vistas á recuperación económica de Lugo na etapa post-covid e, nada mellor que facelo dotándonos dunha ferramenta propia, moi poderosa, que diversificará o tecido produtivo local e servirá de impulso aos nosos sectores estratéxicos, aqueles que van en consonancia co Lugo moderno, sostible e á vangarda que estamos construíndo e que será capaz de xerar oportunidades de futuro para as nosas fillas e fillos”, indicou Lara Méndez.

Por iso, a xestora escollida deberá traballar en proxectos considerados innovadores relacionados coas enerxías limpas, a tecnoloxía, biotecnoloxía, farmacia, servizos avanzados á industria, biocombustibles, produción agroalimentaria sostible, loxística intelixente e sector espacial e aeronáutico, entre outros. Estas empresas non deberán ter unha antigüidade superior aos 7 anos desde a súa constitución e o seu domicilio social ou centro operativo principal deberá estar no municipio.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com