Novas

Méndez convocará á veciñanza de Marqués de Ombreiro para presentarlles as alternativas de mellora do Carril Bici

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, convocará nos vindeiros días á veciñanza de Marqués de Ombreiro para presentarlles, in situ, as alternativas, elaboradas polos técnicos municipais, ao proxecto do Carril Bici nesta zona.

A rexedora explicou que “dende hai varias semanas, o persoal vinculado ao desenvolvemento desta iniciativa está a estudar as alternativas que poidan mellorar a senda ciclista ao seu paso pola zona, ao mesmo tempo que avalían as propostas trasladadas polos lucenses que viven no barrio da Residencia”, logo das numerosas queixas presentadas pola cidadanía.

Lara Méndez lembra, así mesmo, que os traballos aínda non finalizaron, de maneira que a configuración que amosa neste intre o Carril Bici non é a definitiva “e a prevista xa contempla moitas das demandas realizadas pola cidadanía e outras que a veciñanza trasladou ao persoal municipal nestas últimas semanas co obxectivo de reverter as disfuncións propias da execución dunha obra deste calado”.

“Algunhas das tarefas, especialmente as que dependen das condicións climatolóxicas, están sen acometer e antes de concluílas agardamos poder resolver con outras opcións as melloras necesarias para que esta infraestrutura consiga conciliar as necesidades da poboación co modelo de mobilidade e cidade sostible que estamos a construír”, afirmou a alcaldesa.

A Garda Civil investiga a un conductor e intervén o seu vehículo tras reincidir en delitos contra a seguridade viaria

A Garda Civil localiza un turismo o pasado día 28 de xuño ás 10.00 horas á altura do quilómetro 0 da LU-P-2801 (termo municipal de Lourenzá), que circulaba de forma irregular, motivo polo cal se procedeu á parada do vehículo e identificación do condutor.

Tras a súa identificación os axentes observan que o condutor presentaba signos de atoparse baixo a influencia de bebidas alcohólicas, polo que se efectuaron as regulamentarias probas de detección alcohólica, nas cales o condutor lanzaba unhas taxas de alcoholemia de índole penal (0.95 mg/ l e 0.96 mg/ l).

Por estes feitos foi investigado por un delito contra a seguridade viaria e os axentes inmobilizan o vehículo  ata que  outro condutor fixérase cargo da súa condución. Posteriormente, en torno as 15:30 horas unha patrulla detectou ao
mesmo vehículo, o cal invadía o sentido contrario na LU-P-2802 á altura do punto quilométrico 0, tamén en Lourenzá, procedendo á parada do vehículo.

Identificado o condutor, resultou ser o mesmo que pola mañá fora investigado por superar as taxas de alcol permitidas. Ao continuar presentando signos de atoparse baixo a influencia de bebidas alcohólicas, efectúase unha segunda proba de detección alcohólica, comprobándose unhas taxas mesmo superiores ás lanzadas pola mañá. Neste caso foron de 1.03 mg/ l e 0.97 mg/ l.

Por estes feitos, e por segunda vez o mesmo día, o condutor foi investigado por un delito contra a seguridade viaria. O condutor, xa fora investigado recentemente o pasado 16 de xuño de 2021, por feitos similares, motivo polo que se lle instruíron dilixencias como investigado por tres delitos contra a seguridade viaria, naquel momento: por negarse a someterse ás probas de detección alcohólica, por conducir baixo “claros e evidentes” efectos do alcol, e, pola noite, tras sufrir un sinistro viario (saída de vía) que lanzou unhas taxas de 1.00 mg/l e 0.95 mg/l.

Analizando as causas concorrentes aos feitos investigados, apréciase unha reincidencia flagrante na comisión deste tipo de delitos por parte do investigado, polo que se procedeu ao comiso cautelar do vehículo utilizado e a súa posta ao dispor da autoridade xudicial.

A lexislación vixente permite a intervención dos vehículos utilizados na comisión de delitos contra a seguridade viaria, cando se observe multirreincidencia na comisión delitos tipificados nos artigos 379 e 384 (excesos de velocidade, condución baixo os efectos de alcol ou drogas e condución sen permiso de con perda de puntos ou privación xudicial do mesmo), e mesmo con carácter excepcional nos supostos da comisión dun único delito cando as taxas, influencia ou exceso sexa de extraordinaria gravidade e xeradoras dun intenso perigo. Así mesmo, esta medida, pode levar a cabo naqueles casos de condución manifestamente temeraria, como as carreiras ilegais.

Paralelamente á vía penal iniciada, por parte dos instrutores solicítase á Xefatura Provincial de Tráfico de Lugo que devandito condutor sexa sometido a unha revisión das aptitudes psicofísicas para manter o seu permiso de condución, ao obxecto de comprobar que este conserva as plenas aptitudes e capacidades necesarias para conducir con seguridade.

A Policía Local insta á clausura de ‘La Barrica’ pola comisión de varios delitos e graves altercados de seguridade cidadá

A Policía Local vén de solicitar ao servizo de Negociado do Concello que abra un expediente sancionador á cafetería La Barrica, sita en Salvador de Madariaga, e que adopte, como medida cautelar, a suspensión da actividade e a clausura do propio establecemento.

Esta é xa a terceira orde de peche que se solicita no que vai de ano, ao abeiro da directriz da alcaldesa de actuar categoricamente contra os negocios que propicien disturbios e prexudiquen a covivencia cidadá.

O Inspector Xefe, Jesús Piñeiro, trasladou esta mesma semana á Alcaldía un informe advertindo da necesidade de tomar medidas ao respecto, ante o evidente e continuo desacato ás normas do seu propietario, “o que está a orixinar situacións de risco tanto para a veciñanza da zona, como para os propios axentes que acudimos a intervir nos altercados que teñen lugar dentro, pero tamén nas inmediacións do devandito local”.

Así, dende a xefatura do Corpo relátase como exemplo que, só entre os meses de marzo e xuño deste ano, a Policía Local levantou 23 actas de denuncia polo quebrantamento da Lei de Saúde de Galicia debido, entre outros motivos, á continua celebración de festas. Igualmente, a permisividade do titular contribuíu a que esta sexa escenario frecuente de delitos como o consumo de drogas, a comisión de roubos con violencia e reiteradas pelexas nas que se chegaron a empregar armas brancas – mesmo machetes de cociña – e botellas, que suman un total de 16 atestados da Policía Nacional.

“Como sexa que estas actitudes e infraccións son permanentes no tempo, así como a desobediencia que se promove nas mesmas ás forzas de seguridade e, ante o feito de que reverten en importantes consecuencias sociais que condicionan a calidade de vida e a tranquilidade da sociedade, dende a Administración Local non dubidamos en instar á clausura desta cafetería, en tanto supoñen un prexuízo xeral para a convivencia e a imaxe da cidade”, afirmou o tenente de alcaldesa e portavoz municipal, Miguel Fernández.

“Aqueles que entendan o beneficio empresarial dende un concepto tan desvirtuado coma este deben saber que nin ao Concello de Lugo nin á Policía Local lle tremerá o pulso para corrixir este tipo de condutas lesivas para todos os intereses”, advertiu Miguel Fernández ao tempo que sinalou que “afortunadamente se trata dun comportamento residual na hostalaría lucense, sempre exemplo de responsabilidade e calidade no servizo que dan”, concluíu o voceiro do goberno.

Continúa a escalada sen freo de casos covid cun gran aumento dos positivos detectados nas últimas horas

A provincia de Lugo continúa a verse afectada polos gromos activos, e non deixa de sumar casos. O día no que reabre o ocio nocturno, Lugo presenta os peores datos dos últimos 30 días. 

Así o revela o último informe do SERGAS, con datos recabados ata as 6 da tarde de onte, e no que cifran en 222 os casos activos, 16 máis que na xornada do martes. 

O certo é que non é tan preocupante esta suba como a do número de positivos detectados que chega ás 27 persoas, tras os cribados realizados ante os numerosos gromos que se están a dar na provincia. 

Con todo, a presión asistencial manténse e continúa sumando 5 persoas ingresadas. 3 en unidades convencionais, dúas no HULA e un no Hospital de Monforte, e outras dúas na UCI do Hospital lucense. Tamén se mantén o número de falecidos na provincia en 216, dende o inicio da pandemia. 

O único baremo que continúa amosando un freo case diario é o número de altas recibidas, en total dende a chegada do virus á provincia recuperáronse da infección 12.824 persoas, 7 delas na última xornada.

Estes datos danse o día no que a Xunta permitía a reapertura dos locais de ocio nocturno. Tan só, nos municipios cun nivel baixo de restricións, estes establecementos poderían esta madrugada abrir as súas portas ao público logo de meses pechados.

Noutro senso, o SERGAS vén de decidir realizar nos vindeiros días un cribado a todo o alumnado de primeiro e segundo de bacharelato da cidade de Lugo, pola evolución do macro gromo causado tralas viaxes de fin de curso a Mallorca. E é que a cidade de Lugo conta xa con 19 casos vinculados á illa, entre os que se inclúen catro estudantes que viaxaron a Gandía e que tiveron contacto con xente que chegara ao levante logo de pasar uns días na illa.

Sanidade amosou a súa preocupación pola aparición de novos positivos de entre 17 e 18 anos de idade que están a resultar contaxios secundarios dos que se contaxiaron na viaxe de fin de curso. Este mércores detectaron, asemade, un gromo no grupo de triatlón do Club Fluvial con cinco afectados desa idade, que desencadearon nun cribado no entorno do equipo.

A piscina de As Pedreiras permanecerá pechada dende o 1 de xullo

A concellería de Deportes, dirixida por Mauricio Repetto informa que, a piscina municipal de As Pedreiras permanecerá pechada durante todo o mes de xullo, para realizar as labores anuais de mantemento e limpeza.

O edil destaca que “garantir o correcto funcionamento das instalacións deportivas municipais e ofrecer servicios e actividades que promovan a práctica de deporte e o noso obxectivo”.

Por outra banda, a piscina municipal de Frigsa seguirá aberta durante o mes de Xullo en horarios de 07:00 a 22:15 de Luns a Venres

O PSOE di que o PP “está máis preocupado nos intereses de Alcoa que no futuro dos traballadores”

A Secretaria Provincial do PSdeG-PSOE e Deputada Autonómica, Patricia Otero acusou hoxe a Presidenta do PP “de buscar a rendibilidade política na venda de Alcoa, dándolle as costas aos traballadores, a Mariña Lucense e a toda a provincia de Lugo”. Así o dixo tras coñecer as declaracións da popular sobre a xestión do Goberno Central neste asunto.

Patricia Otero dixo que a representante do PP “esta máis preocupada en apoiar á empresa, que en favorecer aos traballadores e as súas familias. Nestes intres o PP esta máis ocupado en facerlle o traballo á multinacional, que en poñerse do lado dos traballadores, que é o que toca”, insistiu.

A dirixente socialista remarcou que “o goberno do PSOE, xunto con tódolos seus Alcaldes sempre estiveron ao carón dos traballadores e traballadoras, implicándose en buscar unha solución, pero lamentablemente o PP non pode dicir o mesmo. O PSdeG segue apoiando a folla de ruta que se esta impulsando dende o Goberno Central neste proceso, xa que amosa un compromiso total cos traballadores”.

“O PP de Feijóo e de Candia perdeu completamente o norte dos intereses dos lucenses. Mentres a Ministra de Industria, Reyes Maroto viaxa a USA para impulsar a venda, o PP só sabe poñer paos nas rodas e criticar. Cero aportacións. Ademais esta mesma semana a propia Ministra reuniuse co Comité de empresa, e a vindeira semana manterá outra reunión cos traballadores e coa Xunta. Que máis compromiso se lle pode pedir ao Goberno?, replicou.

Diante desta situación, “a veciñanza da provincia pode comprobar como a Presidenta do PP pretende utilizar ao comité de empresa e aos propios traballadores, non para atopar unha solución, senón para os seus intereses partidarios e buscar un titular nos medios”.

“É o momento da política con maiúsculas, do compromiso e dos feitos, e non dos enredos aos que nos ten acostumado o PP nesta provincia. Non fixeron absolutamente nada durante todos estes anos neste sector, e agora dan Socialistas na Provincia de Lugo leccións sobre o futuro da industria en Galicia. Pois ben poden comezar por asumir as súas competencias, como reflexa o noso Estatuto”, resumiu.

O PP interésase na Deputación por dúas propiedades provinciais: un solar cheo de maleza e o Pazo dos Deportes

A Deputación é titular de propiedades inmobiliarias de distinto tipo na capital da provincia e o grupo provincial do PP, como parte do seu traballo como oposición, fai un “seguimento detallado” do seu estado e necesidades de mantemento e adecuación ás necesidades en cada momento.

Nesta liña, o deputado popular Óscar Poy presentou sendas iniciativas na pasada sesión plenaria da corporación provincial en relación coa capital, unha delas sobre o Pazo dos Deportes e outra en relación cun terreo propiedade da Deputación na Estrada da Granxa. Iniciativas que non terán resposta do Goberno ata o próximo pleno.

Unha das cuestións expostas na sesión plenaria polo deputado Óscar Poy tivo forma de rogo e o obxectivo é que por parte do servizo que corresponda da Deputación Provincial se proceda a roza da “moi abundante” maleza que medra no solar número 126-128 da Estrada da Granxa. Os populares descubriron que este terreo é da
Deputación ao fío da resposta dada polo Concello aos veciños máis directamente afectados.

Así as cousas, o PP demandou na máis recente sesión plenaria da corporación provincial que “se fagan de maneira inmediata as xestións necesarias para atender as reclamacións dos veciños máis directamente afectados polo mal estado do terreo sito na Estrada da Granxa, 126-128, de titularidade provincial e se proceda a súa roza e limpeza”.

Poy sinala: “É sorprendente que o goberno provincial fora incapaz de dicir algo ao respecto deste rogo na mesma sesión. Hai que entender que, ou ben nin saben que o terreo en cuestión é propiedade da Deputación, ou ben non tiñan previsto intervención algunha para rozar a maleza. En todo caso, di moi pouco da capacidade de xestión do goberno provincial. Un solar de propiedade pública non pode estar cheo de maleza, porque é algo polo que se sanciona aos propietarios privados; a Administración ten a obriga de dar exemplo”.

A outra iniciativa popular exposta por Óscar Poy na pasada sesión plenaria da Deputación foi unha pregunta en relación con melloras probablemente necesarias para que o Pazo dos Deportes poida ser a cancha do Río Breogán na ACB. Tampouco neste caso o goberno provincial, sinaladamente o delegado de Deportes, o nacionalista Efrén Castro, dixo nada ao respecto, e a resposta quedou para a próxima sesión.

Poy di: “Eu creo que o primeiro que terían que facer en canto se confirmou que o Río Breogán vai xogar na ACB é interesarse por que melloras ou cambios é preciso facer no Pazo. Polo menos para ter prevista a maneira de intervir en canto se concrete que hai que facer. É moi significativo que o señor Castro non tivera nada que dicir, aínda que só  fora iso que tanto lles gusta de estamos niso. É preocupante, á vista da capacidade do señor Castro para adiar o traballo, que non aclare nada aínda, tendo en conta que neste asunto os prazos son fundamentais e é de gran relevancia”.

Cs Lugo denuncia o peche das bibliotecas municipais en horario de tarde durante o verán

A portavoz municipal de Cidadáns, Olga Louzao, denunciou esta mañá con dureza a pasividade do Goberno local respecto ao problema pola falta de espazo nas salas de estudo da cidade. “Trátase dun molestia que arrastramos desde primavera de 2020 sen que o Goberno local haxa movido un só dedo para solucionalo. Problema que agora vemos agudizado polo peche das bibliotecas municipais en horario de tarde durante o período estival. A partir de mañá, opositores e estudantes non universitarios non contarán cun espazo para desempeñar o seu labor”, sinalou a portavoz da formación laranxa.

Louzao lamenta a falta de implicación da responsable da área, Maite Ferreiro, quen “incomprensiblemente” negouse a tomar cartas neste asunto deixando de lado a un sector importante de veciños que demandan salas de estudo desde o inicio da pandemia. “Entristécenos ver como o bigobierno non ten pensado poñer os seus recursos ao dispor da cidadanía lucense para paliar este problema, que afecta a moitas persoas. Sorpréndenos que un Goberno que se autodenomina progresista permita que a crise sociosanitaria abra máis a brecha social e non se esforce para que exista unha igualdade real de oportunidades. É inaceptable que a Administración local abandone a estudantes e opositores e bórrese deste asunto nun claro abandono de funcións”, sinalou o edil da formación laranxa.

Diante da pasividade do Goberno, o grupo municipal de Cs leva meses propoñendo tanto en comisións como no pleno municipal unha serie de iniciativas encamiñadas a minimizar o impacto do colapsou a Biblioteca Provincial e das restricións da biblioteca Intercentros da USC pare o público non universitario. “Diante do peche das bibliotecas municipais en horario de tarde, consideramos que estas medidas son máis necesarias que nunca. Esiximos que se realice un esforzo para ampliar horarios da biblioteca municipal Isidro Novo, poñer ao dispor dos usuarios salas que actualmente están infrautilizadas noutras instalacións municipais. Deste xeito solicitamos Goberno local reabrir espazos clausurados, como é o caso da biblioteca do centro sociocultural de Fingoi, ou poñer en funcionamento as salas dispoñibles no Vello Cárcere”, apunto Louzao.

Para finalizar Louzao manifestou a súa preocupación pola falta de capacidade de dialogo mostrada tanto polo PSOE como polo BNG entre se e cos distintos axentes sociais. “Consideramos moi necesario establecer un dialogo coa USC para negociar un convenio que permita poder usar algunha sala da súa biblioteca. Esta proposta esta encima da mesa desde hai meses. Con todo desde o Concello negáronse a iniciar un dialogo político para lograr este acordo. É unha mostra máis da ineficacia da xestión do executivo de Méndez, onde o BNG actúa por libre e só preocúpase de satisfacer os seus intereses electorais e ser fiel á súa militancia en detrimento do interese xeral”, concluíu.

Socialistas de Taboada urxen ao alcalde a buscar unha solución á salubridade da auga

O Voceiro do PSOE de Taboada, Roi Rigueira explicou hoxe que unha vez máis a Agrupación Socialista de Taboada puxo enriba da mesa, na sesión plenaria celebrada onte, os problemas que afectan aos veciños de Taboada, como por exemplo a calidade da auga ou a aprobación da ordenanza da madeira. “O PSOE sempre traballando ao carón da veciñanza e atendendo ás súas prioridades, por iso novamente o pleno estivo protagonizado polas iniciativas socialistas”, insistiu.

“Levamos recibindo dende fai tempo moitas queixas sobre a salubridade da auga no noso Concello, sobre todo cando chove, xa que non se pode utilizar nin para o aseo persoal, nin para cociñar. Todos somos coñecedores do investimento público de medio millón de euros que se realizou na depuradora fai arredor de 6 anos”, advertiu Rigueira.

“Por todo isto defendemos unha moción coa que demandamos ao Concello que inste á Xunta a poñer enriba da mesa unha solución a este problema, que afecta tanto á veciñanza de vila de Taboada como algunhas das aldeas do Concello. Solicitamos melloras na estación potabilizadora, así como a elaboración dun estudo que permita valorar a idoneidade de novas captacións,  e que o Concello bonifique os recibos de auga ou cando menos aplique descontos proporcionais aos días nos que o servizo de auga non foi o axeitado”, argumentou.

“O que estamos sufrindo coa salubridade da auga é inadmisible. Os veciños estamos pagando por un servizo que non é digno, e que o máis grave o Alcalde non lle da importancia a algo tan serio como a calidade da auga pública, cos prexuicios que está ocasionando a todos os niveis. Po iso quero anunciar que seguiremos traballando para atopar unha solución, non quedaremos de brazos cruzados. A auga é un ben esencial, e ten que utilizarse con tódalas garantías, para iso pagamos por este servizo”, replicou.

Ribadeo contrata a 35 traballadores para a campaña do verán

O Concello de Ribadeo contratou a 35 persoas para a campaña de verán para socorrismo e atención sanitaria nas praias, información turística, limpeza urbana e de praias e extinción de incendios. O investimento ascende a 180.000 euros e o alcalde, Fernando Suárez, subliñou que “este esforzo económico está ben empregado para seguir facendo de Ribadeo un lugar acolledor, limpo e seguro”.

O rexedor manifestou que o Concello ten todo preparado para iniciar unha campaña de verán “ilusionante, como todas as que levamos feito, pero desta volta con toda a ambición e con toda a intención de que vaia indo todo ben”.

“Sabemos que a situación sanitaria non é mala e, aínda cos grandes eventos de masas cancelados, imos seguir recibindo moita xente este verán”, explicou o alcalde quen explicou que o sector servizos “o está a facer moi ben”. “Está habendo moitas reservas e respírase un ambiente de optimismo contido e desde o Concello estamos poñendo tamén todo da nosa parte para ter un verán ordenado, limpo e seguro, diría eu”.

O alcalde explicou que “logo de varios procesos selectivos, foron contratados un número importante de persoas para desempeñar as tarefas estivais de socorrismo, de atención sanitaria, de información turística, de reforzo de limpeza urbana, de praias tamén, así como o reforzo de persoal para extinción de incendios. Temos para iso 35 prazas, que é a suma dos 13 socorristas dado que quedaron prazas vacantes en socorrismo, 3 técnicos sanitarios, 7 informadores turísticos, 9 operarios de medio ambiente e 3 operarios de motobomba”.

Fernando Suárez subliñou que “todo isto ten un custo enorme duns 180.000 euros, que na súa grande maioría acabamos asumindo de fondos propios, dado que as achegas da Xunta xa son realmente cativas de inicio e logo aínda acaban sendo menores polos enormes requisitos que piden, como por exemplo estar en desemprego, etc… Con todo, este esforzo económico está moi ben empregado para seguir facendo de Ribadeo un lugar acolledor, limpo e seguro”.

O alcalde e os concelleiros de Medio Ambiente e Turismo, Jorge Díaz e Pablo Vizoso, déronlle a benvida ao novo persoal este mediodía na Casa do Concello.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com