O PP interésase na Deputación por dúas propiedades provinciais: un solar cheo de maleza e o Pazo dos Deportes

A Deputación é titular de propiedades inmobiliarias de distinto tipo na capital da provincia e o grupo provincial do PP, como parte do seu traballo como oposición, fai un “seguimento detallado” do seu estado e necesidades de mantemento e adecuación ás necesidades en cada momento.

Nesta liña, o deputado popular Óscar Poy presentou sendas iniciativas na pasada sesión plenaria da corporación provincial en relación coa capital, unha delas sobre o Pazo dos Deportes e outra en relación cun terreo propiedade da Deputación na Estrada da Granxa. Iniciativas que non terán resposta do Goberno ata o próximo pleno.

Unha das cuestións expostas na sesión plenaria polo deputado Óscar Poy tivo forma de rogo e o obxectivo é que por parte do servizo que corresponda da Deputación Provincial se proceda a roza da “moi abundante” maleza que medra no solar número 126-128 da Estrada da Granxa. Os populares descubriron que este terreo é da
Deputación ao fío da resposta dada polo Concello aos veciños máis directamente afectados.

Así as cousas, o PP demandou na máis recente sesión plenaria da corporación provincial que “se fagan de maneira inmediata as xestións necesarias para atender as reclamacións dos veciños máis directamente afectados polo mal estado do terreo sito na Estrada da Granxa, 126-128, de titularidade provincial e se proceda a súa roza e limpeza”.

Poy sinala: “É sorprendente que o goberno provincial fora incapaz de dicir algo ao respecto deste rogo na mesma sesión. Hai que entender que, ou ben nin saben que o terreo en cuestión é propiedade da Deputación, ou ben non tiñan previsto intervención algunha para rozar a maleza. En todo caso, di moi pouco da capacidade de xestión do goberno provincial. Un solar de propiedade pública non pode estar cheo de maleza, porque é algo polo que se sanciona aos propietarios privados; a Administración ten a obriga de dar exemplo”.

A outra iniciativa popular exposta por Óscar Poy na pasada sesión plenaria da Deputación foi unha pregunta en relación con melloras probablemente necesarias para que o Pazo dos Deportes poida ser a cancha do Río Breogán na ACB. Tampouco neste caso o goberno provincial, sinaladamente o delegado de Deportes, o nacionalista Efrén Castro, dixo nada ao respecto, e a resposta quedou para a próxima sesión.

Poy di: “Eu creo que o primeiro que terían que facer en canto se confirmou que o Río Breogán vai xogar na ACB é interesarse por que melloras ou cambios é preciso facer no Pazo. Polo menos para ter prevista a maneira de intervir en canto se concrete que hai que facer. É moi significativo que o señor Castro non tivera nada que dicir, aínda que só  fora iso que tanto lles gusta de estamos niso. É preocupante, á vista da capacidade do señor Castro para adiar o traballo, que non aclare nada aínda, tendo en conta que neste asunto os prazos son fundamentais e é de gran relevancia”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com