Novas

A Deputación urxe á Xunta a poñer en marcha un plan para recuperar a sanidade galega

A Deputación de Lugo urxe á Xunta de Galicia a posta en marcha dun plan para recuperar a sanidade Galega. Logo de que a pandemia agravase as deficiencias do sistema sanitario autonómico, que se viñan denunciando no 2019, a institución provincial esixe que se traballe para volver á situación anterior á pandemia como un primeiro paso mínimo, segundo unha moción presentada polo PSdeG no Pleno celebrado hoxe que foi aprobada co apoio do BNG.

“A Xunta tenta aproveitar a necesidade de loitar contra a pandemia para agochar as deficiencias do sistema sanitario que se viñan denunciando no 2019. E que carece de ideas para volver á situación anterior á pandemia, que sería un primeiro paso mínimo”, denunciou a voceira provincial socialista.

“Seguen enriba da mesa os problemas de Atención Primaria; a perda de especialidades e peches de consultorios no  rural; a temporalidade do persoal, sobre todo dos ATS; o colapso das Urxencias ou a incapacidade para atraer profesionais de especialidades como pediatría”, asegurou Porto. A voceira socialista engadiu que “todo iso estaba pendente de amaño antes da Covid, e vai seguir de novo enriba da mesa despois”.

A Deputada denunciou que as listas de espera en Atención Primaria chegaron ata os 15 días por motivo da pandemia; que a espera media para operarse na área sanitaria de Lugo é de máis de 79 días, a que máis demora acumula de Galicia xunto con Ferrol; ou que para as probas diagnósticas relacionadas coa otorrinolaringoloxía hai que esperar unha media de case un ano -315 días- cando no 2019 estaba en 90.

A voceira tamén apuntou que na etapa de Feijóo na Xunta perdéronse preto de 1.100 postos de persoal sanitario só en Atención Primaria, e que xunto coas xubilacións previstas no 2024 –outros 1.500 profesionais- “é preciso facer un esforzo de contratación”.  Sinalou, asemade, os problemas de atención pediátrica que sofren os concellos da provincia, como Abadín, Alfoz, Baralla, Becerreá, Castro de Rei, Castroverde, Corgo, Chantada, Foz, Mondoñedo, Outeiro de Rei, Ribadeo ou O Valadouro; ou que as reducións de persoal son a norma en moitos municipios do rural.

A socialista denunciou que localidades como Antas de Ulla pasaron de 3 médicos a un; que Baleira ten un só médico, como en Pedrafita do Cebreiro ou en Navia de Suarna, que en verán triplica a súa poboación; que en Carballedo pechouse o centro de saúde de Castro; que Castroverde perdeu un médico; como Palas de Rei e Taboada, onde un
dos 3 médicos está de baixa indefinida.

A voceira socialista sinalou tamén a necesidade de reabrir as consultas presenciais nos centros de Atención Primaria, porque as citas telefónicas van en detrimento da calidade na atención aos doentes.

O Concello de Bóveda responde ao PSOE: “as subvencións aínda non se poden solicitar”

O Concello de Bóveda vén de remitir un comunicado a Xornal de Lugo no que responde ás acusacións dos socialistas do municipio, publicadas onte por este diario, e nas que sinalaban ao alcalde da localidade como primeiro beneficiario dunhas subvencións sacadas polo propio Concello.

Segundo aclaran dende o Goberno local, polo momento non hai ningún regulamento que aprobe esas subvencións polo que “ninguén as puido solicitar polo de agora, tampouco o rexedor”.

Con todo, o Goberno explica que o que si se pediron foron varias licenzas de obra pero as subvencións non poden ser solicitadas aínda. Primeiro teráse que aprobar o regulamento onde se establezan as bases da convocatoria e o tipo de actuacións que se van poder acoller ás axudas e, despois, os veciños da localidade poderán solicitalas.

“Será decisión de cada persoa solicitalas ou non e, posteriormente, resolverase a súa concesión sempre e cando cumpran os requisitos”, conclúen dende o Goberno local.

Castiñeira: “O pleno demostra a inoperancia do Goberno da Deptuación para xestionar os intereses dos lucenses”

A orde do día da sesión plenaria que celebra esta mañá a corporación provincial reflicte, en opinión do portavoz popular, Javier Castiñeira, “a inoperancia do goberno bipartito”. Esto demóstrase, di Castiñeira, “cos recoñecementos extraxudiciais de facturas que non seguiron os procesos administrativos correspondentes, con reparos de intervención pola mala xestión, como por exemplo da maquinaria do Parque Móbil ou reparos que se repiten, como son os da Granxa Gayoso Castro”.

Para o portavoz popular, “é un pleno no que no peor momento se suben os prezos públicos da recría a un sector gandeiro que necesita motivación e non subas de custos, ademais motivada por unha directora posta practicamente a dedo polo propio presidente da Deputación”. Nesta sesión plenaria “pídese á Xunta o que non é capaz de facer a Deputación co seu patrimonio, que é arranxalo, como o demostra o estado no que se atopa a Casona do Incio; como podemos esixir ás demais administracións que fagan o que nós non somos capaces de facer?”

Na sesión de hoxe, sinala Castiñeira, “por enésima vez pedimos ao Goberno central que interveña provisionalmente Alcoa, porque temos en Lugo un goberno na Deputación que apenas ten peso político en Madrid, onde o ningunean”. Un pleno máis “só o Partido Popular fai verdadeiras propostas”.

Así, o dixo o portavoz do PP á entrada da sesión plenaria na que “propoñemos proxectos para os fondos Next  Generations; nunca se convocou ao PP para falar destes fondos; propoñemos usalos, entre outros fins, para crear a Gran Senda do Navia, un proxecto abandonado polo Goberno no 2018 nun caixón do Ministerio de Agricultura”. Castiñeira indica que “outra das propostas que presentamos os populares a este pleno e para dar solucións á nova tarifa eléctrica que está afogando aos fogares e as empresas lucenses”.

Pola vía do rogo, os populares reclaman de novo nesta sesión arranxos nas vías provinciais. Castiñeira sinala: “Levamos sesión tras sesión pedindo isto; é lamentable que o delegado de Vías e Obras, o señor Tomé, non aprenda; estamos sendo chamados continuamente a visitar estradas provinciais que están en condicións deplorables, terceiromundistas. Novamente levamos ao pleno dúas estradas, unha na Pastoriza e outra no concello de As Nogais”.

Medio Ambiente insta á Xunta de Galicia a mellorar a seguridade no roteiro peonil dos Muíños

O concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, instou hoxe á Xunta de Galicia a intervir canto antes na parte do roteiro peonil de Os Muíños que é de titularidade autonómica, para mellorar a súa seguridade. “Un dos itinerarios rurais máis emblemáticos do municipio e que se atopa nun pésimo estado de conservación debido ao abandono que sofre”.

O edil sinalou que “só nesta primavera, o Concello de Lugo investiu 7.555 euros na colocación de 1.576 metros de malla antiesvarante nas pasarelas de madeira dos sendeiros que son competencia da Administración local, para evitar posibles escorregamentos e caídas derivadas da presenza de follas ou de humidade sobre a tarima. Traballos que se coordinaron cos labores de mantemento e limpeza habituais, programados durante todo o ano e co fin de ofrecer á cidadanía unha contorna atractiva pero tamén segura”.

Así, dende Medio Ambiente actuouse nas pontellas da ruta de Ombreiro ao completo; na ponte que hai antes de chegar á Estación Depuradora de Augas, no sendeiro do Río Miño; e tamén no roteiro de Os Muíños, ata chegar ao Muíño de Abelleira, “xa que o resto do tramo pertence á Xunta”, sinalou Fernández.

O tenente de alcaldesa indicou que é precisamente a partir deste punto do percorrido cando o traxecto se torna insalvable “debido ao desleixo que afecta a todo o camiño e que chega a comprometer a integridade das persoas usuarias”.

“Non en van – abondou Fenández – son numerosísimas as queixas que a veciñanza leva meses trasladando ás institucións para que se reverta a situación do enclave, reivindicacións ás que tamén dende o Concello de Lugo nos sumamos, non só pedindo que se repare, senón tamén en prol da recuperación deste espazo como patrimonio natural para poñelo a disposición, nunhas condicións axeitadas, tanto de lucenses como de visitantes”, reclamou Miguel Fernández.

O voceiro socialista de Riotorto continúa coa súa denuncia contra o alcalde logo de restablecer o servizo de auga

O Voceiro Socialista de Riotorto, José García anunciou que continuará coa denuncia diante do Contencioso Administrativo, tras a decisión do Alcalde de Riotorto de cortarlle a auga no seu domicilio particular situado na parroquia de Espasande de Abaixo, e que nestes intres xa esta restablecida, tras cortala o pasado xoves día 24.

O sábado, ás 17:00 horas un fontanero que realiza traballos como autónomo, personouse no domicilio do voceiro socialista para comunicarlle ía dar auga na vivenda, e que tamén ía instalar un contador fora da súa vivenda.

José García cualifica todo este espectáculo do PP de Riotorto “como bochornoso”, ademais de converterse “nunha auténtica persecución política, que non pode ter cabida nunha democracia. Eu estou ao corrente dos pagos no tocante ao servizo de augas. Polo tanto considero que cortar o abastecemento de auga no meu domicilio particular durante 3 dias, foi unha medida caciquil, déspota e incoherente”, insistiu.

“As veciñas e veciños de Riotorto merecen un Alcalde comprometido, serio e rigoroso, e non unha persoa que usa o despacho da Alcaldía e o seu cargo político para amedrentar a oposición política do seu Concello. Non quero que ningún veciño deste Concello pase pola situación que pasei eu estes 4 dias, sen poder ter acceso a auga na miña vivenda, polo tanto pelexarei para poñer luz e taquígrafos a esta lamentable situación”, resumiu.

Socialistas de Bóveda denuncian que o primeiro beneficiario das subvencións do Concello sexa o alcalde

A Voceira Socialista de Bóveda, Carmen Macía aludiu hoxe ao cúmulo de casualidades que ven de detectar no tocante ás subvencións do Concello para a construción de novas vivendas na vila, impulsadas polo propio Concello, das cales o Alcalde é o primeiro beneficiario.

“Segundo puidemos coñecer, a través da acta da Xunta de Goberno Local celebrada este pasado dia 24 xuño e presidida polo Alcalde, José Manuel Arias, comprobamos que o rexedor vaise beneficiar dunha axuda económica, impulsada polo Concello para a contracción da súa nova vivenda por un importe de 3.500 euros”, advirten. Tal e como consta na acta, o rexedor ausentouse no debate deste punto informativo.

“O pasado mes de marzo o Alcalde anunciou a bombo e platillo que o Concello de Bóveda, ía subvencionar o 100% do imposto de construción para a rehabilitación interior e exterior, reconstrución ou construción de obra nova en vivendas unifamiliares. Resulta bastante casuístico, que tres meses despois deste anuncio o propio Alcalde presente un proxecto para a realización dunha nova construción na vila”.

Segundo se desprende do propio anuncio realizado nos medios de comunicación en palabras do Alcalde, esta medida está enfocada “en investir e fixar poboación e na mellora de calidade dos veciños. Pois ben, a mellora da calidade de vida dos veciños, neste caso é a do Alcalde do PP, Jose Manuel Arias que dun proxecto orzamentado en 140.000 euros, vai aforrar 3.500 euros das arcas municipais”, insisten.

Carmen Macía emprazou ao rexedor a impulsar iniciativas e proxectos que repercutan na veciñanza, “e non no peto do Alcalde”. “Estamos dacordo en que o noso Concello precisa medidas e propostas para fixar poboación, como calquera Concello da provincia, pero non deste xeito”, resumiu.

O PP oporase no pleno á suba do 7% na taxa do servizo de recría da Deputación

O Partido Popular da provincia oponse á suba dun 7% na taxa do servizo de recría que propón o goberno da Deputación, por considerala “excesiva e inxustificada”.

Así o explicou o voceiro da agrupación, Javier Castiñeira, quen informou de que, coa suba, os prezos do centro de recría equipáranse aos que aplican as empresas privadas. Un feito que os populares tildan de “inaceptable”.

Na opinión de Castiñeira, esta suba pretendida polo Goberno provincial, “é un mal comezo da socialita Sonia Verdes á fronte da granxa Gayoso Castro e do centro de recría”. Un aumento que Castiñeira atribúe á “falta de proxecto para a provincia do goberno PSOE-BNG” na Deputación.

O portavoz popular considera “que os prezos son inxustificados, excesivos e póñense en igualdade de condicións aos dos servizos que prestan diferentes empresas privadas”. Para os populares “non se entende que un servizo público, como é este caso, teña o mesmo prezo que os que se están aplicando agora mesmo nas empresas privadas”.

Castiñeira di que a proposta que leva o Goberno ao pleno “é unha proba máis da falta de xestión do Partido Socialista na granxa Gayoso Castro e, como vén denunciando o PP, da falta de proxecto para a provincia, que trae como resultado, entre outras consecuencias, unha suba desproporcionada do 7% na taxa do centro de recría, que acabarán pagando os gandeiros da nosa provincia”.

O Concello de Lugo reivindica a loita contra a discriminación dos colectivos LGTBI+

A concelleira de Igualdade e Muller, Silvia Alonso, acompañada por membros da Corporación Municipal, asistiron este luns ao acto institucional organizado polo Concello de Lugo con motivo do Día Internacional do Orgullo LGTBI+ na Praza Maior.

A edil destacou o firme compromiso por parte do Executivo presidido pola alcaldesa, Lara Méndez, “na loita polo respecto á diversidade e na defensa da dignidade das persoas, independentemente da súa orientación sexual ou identidade de xénero, e para iso é necesario avanzar na consolidación e na mellora dos seus dereitos”. A concelleira aproveitou para recordar que, no día de mañá “o Consello de Ministros dará luz verde ao anteproxecto de lei LGTBI, un novo paso máis e importante nesta batalla pola igualdade”.

O manifesto deste ano polo día do Orgullo foi elaborado e lido por representantes da Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual de Lugo (ALAS).

O manifesto incidiu na importancia de achegarnos a unha democracia realmente inclusiva e respectuosa coa diversidade e cos dereitos de todas as persoas. Tamén fixo fincapé na necesidade avanzar na plena visibilidade en todos os ámbitos e ratificar a necesidade de políticas a favor da diversidade sexual e a non discriminación.

Ademais, condenouse que, en pleno 2021, “certos grupos presentes xa nas institucións sosteñan discursos cheos de odio cara a distintos colectivos minoritarios, desexando unha sociedade máis inclusiva, máis diversa e baleira de odio”.

 Este acto, que finalizou ca solta de globos biodegradables das seis cores da bandeira, pon o punto e final a uns días cheos de actividades organizadas en colaboración cos colectivos ALAS e Aqde.

Durante toda a xornada, a bandeira LGTBI ondeará na fachada da Casa do Concello, ante a necesidade de visibilizar o aumento dos actos homofóbicos nun 8,6% segun o último Informe da Evolución dos Delitos de Odio, realizado polo Ministerio do Interior.

O PP teme que “neste mandato non se aprobará o 5% do PXOM ante a falta de avances do bigoberno”

O pasado 31 de maio, o Grupo Municipal do Partido Popular solicitaba a convocatoria extraordinaria da comisión de sostibilidade urbana para que o responsable de Urbanismo, Álvaro Santos, explicase os supostos avances do goberno local para acadar a aprobación definitiva do 5% do PXOM, pendente dende 2011.

Unha xuntanza que se celebrou o xoves e que deixou unha situación “aínda máis preocupante”, xa que Santos non foi capaz de confirmar data algunha nin ningún tipo de avance na aprobación definitiva do PXOM, o que certifica os malos augurios avanzados polo Grupo Popular: que este mandato rematará sen que Lara Méndez sexa capaz de aprobar o 5% restante do PXOM.

A realidade é que o PXOM segue “estancado e sen data” para avanzar. Cando menos, resulta chamativo aos populares a paralización que houbo dende o ano 2013 ata agora, “parálise recoñecida por Santos na xuntanza do xoves”, polo que Antonio Ameijide pregunta directamente “que vai a face reste goberno local para impulsar o PXOM dunha vez por todas?”.

O concelleiro popular recorda que o desbloqueo do 5% do PXOM está pendente de aprobación dende o ano 2011 e agora “está nun punto morto”. “Nos seguimos na mesma liña de sempre, se o goberno local quere sacar adiante o 5% do PXOM, aquí nos vai a atopar xa que é o único camiño para desbloquear os problemas de urbanismo do municipio e para rematar co urbanismo á carta que provocou o Garañón”, sinala.

A realidade é que o Concello de Lugo aínda non resolveu as deficiencias sinaladas pola Xunta nun informe remitido en outubro de 2016, curiosamente as mesmas eivas comunicadas o 16 de abril de 2013, onde se pedía ao concello corrixir os aspectos reflectidos na orde de aprobación definitiva do 95% do PXOM en 2011 e que, posteriormente, se lle volveu a demandar en 2020.

Para os populares, resulta curioso, pero é de agradecer, que Santos agora amose unha postura de agradecemento coa Xunta, da que recoñeceu a súa boa vontade e as facilidades que o ente autonómico está a dar para acadar a aprobación definitiva do PXOM. “Esa actitude que agora loan é a que ten o goberno galego dende o ano 2011, o que demostra que se non está aprobado é pola falta de vontade e traballo do PSOE”, afirma.

Ameijide lamenta “a memoria selectiva” de Santos, que se desentendeu de todo o que se fixo na súa concellería antes do 16 de abril (data na que tomou posesión do seu cargo). “É curioso que non saiba nada do que fixo o anterior responsable de Urbanismo, que era compañeiro seu de corporación e partido ou que se desentenda dos inicios deste problema, que provocou o seu padriño político”, lamenta.

Dobre ración do mellor cinema francés

Esta semana Codex Cinema trae ás pantallas lucenses dúas mostras do cine francés máis actual que veñen de triunfar en festivais e tamén nas billeteiras do país veciño. Tanto As cousas que dicimos, as cousas que facemos de Emmanuel Mouret como Mandíbulas de Quentin Dupieux son dous exemplos do cinema máis iconoclasta e irreverente que se está a facer hoxe en día en Francia, a cargo de dous cineastas renovadores que levan xa máis dunha década dando que falar.

Emmanuel Mouret é un cineasta famoso polas súas deliciosas comedias sentimentais, cheas de enredos e historias que se entrelazan entre diferentes personaxes. Un cinema gozoso que extrae o mellor da vida cotiá das clases medias francesas en filmes moi literarios. É o caso de As cousas que dicimos, as cousas que facemos unha fascinante exploración do amor e da fidelidade a partir do encontro entre Daphne e Maxime, dous mozos que, confesando as súas historias de amor, felices ou fracasadas, terminan por xerar novas paixóns. A película intercala diferentes narracións de forma moi habilidosa e sinxela, un xogo de confesións e encontros maxistral que converteu a película nun éxito de crítica e público en Francia, acumulando gran cantidade de candidaturas para os premios César (os Goya franceses), onde finalmente a actriz de reparto Emilie Dequenne conseguiu o galardón.

Pola súa banda, Quentin Dupieux especialízase tamén na comedia, pero na súa vertente máis irreverente e surrealista, mesturando retratos contundentes sobre a tan mencionada xeración millennial con imposibles elementos fantásticos que o converteron nun cineasta de culto. Mandíbulas é un bo exemplo do seu estilo.

O que podería ser unha buddy movie convencional sobre a vida de dous amigos que levan unha existencia compracente sen obxectivos vitais transfórmase nunha comedia disparatada ao introducir un elemento fantástico, unha mosca xigante, coa que a parella protagonista trata de cambiar a súa vida sacando beneficio dela.

Cinema fresco e orixinal, de gran vertente cómica sen esquecer a sensibilidade para retratar o seu contexto, que fala da gran riqueza cinematográfica do país galo. Mouret y Dupieux son dous nomes cada vez máis recoñecidos e que chegan por primeira vez a Lugo cos mellores expoñentes do seu estilo.

Veludo azul na retrospectiva de David Lynch
Cineasta de culto e cun estilo moi recoñecible é tamén David Lynch, que continúa co seu paso por Codex cunha nova entrega do seu universo. Neste caso trátase de Veludo azul, unha das súas películas de maior fama, seguramente porque foi a primeira en sentar as bases do cinema que lle fixo famoso. Eses ambientes surrealistas e sedutores, tan perigosos como gozosos, nos que Lynch consegue introducir ao espectador. Unha historia que comeza convencional e pouco a pouco se vai enchendo de misterio, de esquizofrenia e de momentos fora do común. Coma sempre, os pases de Veludo azul serán exclusivos o xoves e o domingo.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com