O PP teme que “neste mandato non se aprobará o 5% do PXOM ante a falta de avances do bigoberno”

O pasado 31 de maio, o Grupo Municipal do Partido Popular solicitaba a convocatoria extraordinaria da comisión de sostibilidade urbana para que o responsable de Urbanismo, Álvaro Santos, explicase os supostos avances do goberno local para acadar a aprobación definitiva do 5% do PXOM, pendente dende 2011.

Unha xuntanza que se celebrou o xoves e que deixou unha situación “aínda máis preocupante”, xa que Santos non foi capaz de confirmar data algunha nin ningún tipo de avance na aprobación definitiva do PXOM, o que certifica os malos augurios avanzados polo Grupo Popular: que este mandato rematará sen que Lara Méndez sexa capaz de aprobar o 5% restante do PXOM.

A realidade é que o PXOM segue “estancado e sen data” para avanzar. Cando menos, resulta chamativo aos populares a paralización que houbo dende o ano 2013 ata agora, “parálise recoñecida por Santos na xuntanza do xoves”, polo que Antonio Ameijide pregunta directamente “que vai a face reste goberno local para impulsar o PXOM dunha vez por todas?”.

O concelleiro popular recorda que o desbloqueo do 5% do PXOM está pendente de aprobación dende o ano 2011 e agora “está nun punto morto”. “Nos seguimos na mesma liña de sempre, se o goberno local quere sacar adiante o 5% do PXOM, aquí nos vai a atopar xa que é o único camiño para desbloquear os problemas de urbanismo do municipio e para rematar co urbanismo á carta que provocou o Garañón”, sinala.

A realidade é que o Concello de Lugo aínda non resolveu as deficiencias sinaladas pola Xunta nun informe remitido en outubro de 2016, curiosamente as mesmas eivas comunicadas o 16 de abril de 2013, onde se pedía ao concello corrixir os aspectos reflectidos na orde de aprobación definitiva do 95% do PXOM en 2011 e que, posteriormente, se lle volveu a demandar en 2020.

Para os populares, resulta curioso, pero é de agradecer, que Santos agora amose unha postura de agradecemento coa Xunta, da que recoñeceu a súa boa vontade e as facilidades que o ente autonómico está a dar para acadar a aprobación definitiva do PXOM. “Esa actitude que agora loan é a que ten o goberno galego dende o ano 2011, o que demostra que se non está aprobado é pola falta de vontade e traballo do PSOE”, afirma.

Ameijide lamenta “a memoria selectiva” de Santos, que se desentendeu de todo o que se fixo na súa concellería antes do 16 de abril (data na que tomou posesión do seu cargo). “É curioso que non saiba nada do que fixo o anterior responsable de Urbanismo, que era compañeiro seu de corporación e partido ou que se desentenda dos inicios deste problema, que provocou o seu padriño político”, lamenta.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com