Nove empresas optan a converterse en socio tecnolóxico do Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou a capacidade financeira e innovadora dos nove aspirantes a converterse en socio tecnolóxico do polo industrial e innovador de avións non tripulados de Galicia. Unha vez rematado o prazo para a presentación de candidatos xunto coas respectivas garantías de solvencia técnica e económica, téñense presentado ao proceso tanto multinacionais estranxeiras como grandes empresas españolas, ademais dunha unión de pemes aeronáuticas.

En concreto, os candidatos son Airbus, Boeing, Indra, Everis, Elbit Systems, Augustawestland – que se presenta conxuntamente con Telespazio-, Inaer, Thales, e a UTE UAV Galicia, que reúne a varias pemes galegas. Estes nove solicitantes que se teñen presentado formalmente ao proceso, amosaron ademais a a solvencia técnica e financeira suficiente para optar a ser socio industrial do polo de avións non tripulados.

Segundo sinalou o conselleiro de industria, as empresas que se presentan ao concurso suman unha facturación relacionada co sector aeroespacial de 160.000 millóns de euros; e que teñen levado a cabo nos últimos anos proxectos de I+D no eido aeroespacial que suman máis de 9.000 millóns.

Unha vez que a Xunta ten comprobado a solvencia dos candidatos, Conde avanzou que os nove terán ata o 3 de setembro para presentar a súa primeira oferta ao Goberno galego. Comezará entón un diálogo coas compañías para que melloren as súas propostas, de cara a terminar co proceso a primeiros de decembro asinando un contrato con un ou varios socios.

“É o primeiro paso para conformar en Galicia un sector industrial do nivel que hoxe ten na nosa comunidade a automoción e o naval. E o interese de empresas de tanto calado amosa a seriedade desta iniciativa”, destacou o conselleiro, que lembrou que supón un investimento público de 55 millóns de euros ata 2020 e que terá o seu centro neurálxico no Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com