Un novo obradoiro de emprego destinado a 20 desempregados arranca en Sarria

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, inaugurou hoxe o obradoiro de emprego A praza da Vila, que promove o concello de Sarria e financia a Consellería de Economía, Emprego e Industria cun investimento de 279.959 euros.

Balseiro explicou que o obradoiro ofrece un contrato de traballo e formación teórica e práctica a 20 desempregados, distribuídos a partes iguais entre as especialidades de Pavimentos e albanelaría de urbanización e Promoción turística local e información ao visitante. No obradoiro traballan tamén un director, un administrador e dous monitores.

O delegado sinalou que os contratos foron ampliados a nove meses de duración na presente convocatoria, o que permite mellorar a formación e tamén a calidade ou cantidade de obras ou servizos municipais que se realizan. Ao respecto, Balseiro indicou que os obradoiros “manteñen a filosofía de aprender traballando, isto é, recibir unha formación profesional para o emprego acreditable e certificable, ao mesmo tempo que se realiza un traballo real e produtivo en beneficio dos veciños”.

Neste caso, explicou, o persoal do obradoiro rehabilitará o contorno urbano da Praza da Vila de Sarria e levará a cabo tarefas de promoción turística e información ao visitante. Ao rematar, os participantes recibirán un certificado de profesionalidade que os habilita para exercer o oficio aprendido en todo o Estado.

No acto de inauguración, no que tamén participou a alcaldesa de Sarria, Pilar López, Balseiro destacou a colaboración entre a Xunta e os concellos para o desenvolvemento deste programa, dado que “no ámbito local é onde se atopan as maiores posibilidades de detección e aproveitamento dos novos viveiros de emprego”.

No conxunto da provincia, incorporáronse ao mercado laboral preto de 400 persoas nos 17 obradoiros de emprego que se puxeron en marcha nas últimas semanas. O delegado subliñou o esforzo inversor que realiza a Xunta nesta iniciativa, financiando con algo máis de 4 millóns de euros os proxectos nos que participan 39 concellos lucenses.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com