" />

O alcalde de Ribadeo reúnese con Comesaña para estudar posibles ubicacións do novo centro de saúde

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, cualificou de “cordial” a xuntanza mantida esta mañá en Santiago co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. O rexedor plantexoulle 5 posibles localizacións para o novo centro de saúde, xa que as autoridades sanitarias aseguran que non é factible reformar o actual.

Suárez Barcia resumiu a  xuntanza como “moi agradable”,  e asegurou que polas dúas bandas “tanto polo Concello de Ribadeo como pola Consellería de Sanidade”, demostrouse vontade para chegar a un acordo e “para que sexa unha realidade que Ribadeo poida ter un novo centro de saúde, despois que as propias autoridades sanitarias nos  asegurasen que non é factible tecnicamente acometer unha adaptación do actual centro de saúde de Ribadeo”.

O alcalde subliñou que “con todo iso desde o Concello non plantexamos soamente unha ubicación nova senón 5, todas elas teñen diferentes casuísticas e agora os responsables técnicos da Consellería de Sanidade estudarán e valorarán cal é a que mellor se pode adaptar as necesidades técnicas deles. Estas ubicacións que lles fomos plantexando, como todo na vida, teñen vantaxes e inconvenientes: sobre a centralidade, sobre as comunicacións de acceso rodado, de dimensións das parcelas posibles, así como tamén de tramitación administrativa, posto que todas elas precisan dalgún cambio normativo e algúns incluso non son de índole municipal senón coa salvedade autonómica”.

O rexedor dixo: “pero, sendo todas estas ubicacións posibles, quedamos en que os técnicos da Consellería de Sanidade o estuden, veñan a Ribadeo, o vexan polo miúdo e decidan cal consideran óptima. Deste xeito desde o Concello colaboraremos con decisión para poñerlles os terreos á súa disposición canto antes”.

Fernando Suárez engadiu: “valoramos moi positivamente a cordialidade da xuntanza co conselleiro e coa súa equipa para buscar unha solución que permita a Ribadeo ter un novo centro de saúde canto antes. E desde logo que teña presente tamén o conselleiro o noso compromiso e a nosa lealdade para buscar e atopar unha solución a este desafío”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo