A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude conmemorou este martes o Día Internacional dos Arquivos cunha programación especial no Arquivo Histórico Provincial de Lugo, na que participaron, entre outros, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, a alcaldesa de Lugo, e a subdelegada do Goberno Olimpia López
Como é habitual nesta efeméride, o centro aproveitou a celebración para dar a coñecer unha das pezas documentais que custodia. Nesta ocasión, presentouse o Tombo 3 do Mosteiro de Penamaior de Becerreá, incorporado á serie “Documentos singulares” do arquivo. Con este motivo, editouse unha publicación que reproduce o documento orixinal e inclúe información sobre o seu contido e o contexto histórico no que foi elaborado.
O volume foi redactado entre os anos 1702 e 1835 e recolle información sobre a fundación do mosteiro, así como os privilexios e doazóns concedidos por monarcas e membros da nobreza. O documento ofrece tamén unha detallada relación das propiedades da comunidade monástica, que se estendían por boa parte da provincia de Lugo, abranguendo os actuais municipios de Becerreá, As Nogais, Baralla, Triacastela, Láncara, Baleira, Sarria, O Corgo, Castroverde, A Fonsagrada e Monforte de Lemos.
Durante o acto, Alfonso Villares destacou a relevancia do Arquivo Histórico Provincial tanto para investigadores e especialistas como para o conxunto da cidadanía, subliñando o seu papel na conservación da memoria colectiva e na difusión do patrimonio documental.
A programación organizada arredor do Día Internacional dos Arquivos completouse cun concerto ofrecido por un quinteto de vento metal da Xove Orquestra de Lugo Terra Nova, dirixida por Nicolás Ravelli Barreiro. Ademais, ao longo da mañá desenvolveuse unha xornada de portas abertas que permitiu aos asistentes coñecer as instalacións do arquivo e o proceso de tratamento e conservación da documentación desde a súa recepción ata o seu depósito definitivo.






