O BNG-Asembleas Abertas reclama o arranxo do enlace da estrada de Friol ca estrada de Santiago

O BNG – Asembleas Abertas pide novamente ao Concello de Lugo que faga unha solicitude ás diferentes institucións competentes do arranxo do enlace da estrada de Santiago a N-540 ca estrada que vai cara Friol a Lu-232 á atura do polígono da Louzaneta.

Para Rubén Arroxo “estamos a falar dunha zona moi transitada que xa leva varios anos en mal estado” aludindo que o mal estado do firme “pode chegar a poñer en risco a propia seguridade das persoas que circulen por este tramo”. O voceiro do BNG-Asembleas Abertas comentou tamén que agora é un momento idóneo para levar a cabo esta reparación, posto que se está a executar a poucos metros o enlace da N-540 ca Autovía que une Lugo e Compostela.

Dende o grupo nacionalista explican que non é a primeira vez que fan esta reclamación, e malia todo nada se ten avanzado. En palabras de Rubén Arroxo “é importante que se avance na execución de novas comunicacións, mais debemos prestar atención ás que son usadas a diario por un grande número de persoas”. Este enlace non só serve para comunicar o concello de Friol co de Lugo, senón que tamén é o usado para entrar no polígono da Louzaneta ou para ir ao tanatorio.

O concelleira nacionalista dixo que “fai falla menos propaganda e máis solucións para os problemas diarios” en relación ca recente visita do presidente da Xunta de Galiza a cal para Arroxo “deu un paseo pola cidade para intentar aparentar o que nunca fai, que é dar solucións a Lugo”.

Tamén cuestionou os Orzamentos Xerais do Estado con respecto ás infraestruturas de Lugo que en opinión de Arroxo “non van cumprir cas demandas en materia de seguridade que precisan as nosas estradas, malia ser de custes relativamente pequenos” lembrando aquí tamén o tramo da N-VI entre a avenida das Américas e Garabolos, que é a estrada con máis circulación da provincia, e onde o grupo nacionalista xa ten reivindicado que urxe dar solución aos seus accesos creando carrís de incorporación.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com