O BNG defenderá en Pleno que Xunta e Concello acorden a retirada da simboloxía franquista

O voceiro do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que o seu partido levará ao Pleno unha proposición para que Xunta e Concello leven a cabo os trámites necesarios para repoñer á legalidade as actuacións feitas pola Xunta para facer desaparecer os escudos franquistas en edificios públicos. Arroxo apuntou que “é evidente que se trata dunha cuestión burocrática e entendemos que se pode salvar sen problema se os técnicos do Concello e da Xunta buscan o camiño axeitado”. Arroxo sinalou que “non é normal que entre dúas administracións non se analicen as normativas antes de executar unha actuación deste tipo para acometela cumprindo as diferentes normativas”.

“Se realmente hai consenso sobre este asunto queremos que se plasme no debate plenario e que se busque a solución técnica axeitada para evitar o incumprimento de normativas municipais“, dixo o voceiro do BNG e lembrou que “existe unha Lei da Memoria Histórica que, evidentemente, é de rango superior á normativa municipal e que tamén haberá que cumprir”. Arroxo insistiu, tamén, na “nefasta xestión” de este asunto por parte do concello.

Para o BNG “tampouco é normal a premura da Xunta para volver a destapar o escudo fascista do IES Lucus Augusti”, Arroxo engadiu “parece que Balseiro ten máis presa por destapar os aguiluchos que por buscar unha solución para darlle legalidade a unha actuación que xa está rematada e asumida”. Trátase dunha cuestión que non é menor dende o punto de vista político porque activa informacións e contrainformacións. PP e PSOE volven a atopar excusa para utilizar as institucións que gobernan como dous arietes e enfrontarse, mentres temas cruciais para cidade seguen aparcados.

Segundo os nacionalistas, a revisión e actualización do PEPRI é unha cuestión necesaria dende fai moitos anos. O BNG pediuno en diversas ocasións. “O tema dos escudos franquistas volve a sacar á luz esta necesidade pero se queremos recuperar e manter vivo o casco histórico e o recinto amurallado é precisa esta revisión do documento que protexe o noso patrimonio para actualizala á realidade actual”, dixo Arroxo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com