O BNG esixe a retirada dos nomes franquistas do rueiro

O BNG – Asembleas Abertas presentará unha iniciativa para que o goberno municipal de Lugo retome a modificación dos nomes das rúas que aínda manteñen nomes franquistas. Para o BNG – Asembleas Abertas “xa pasou o momento dos trámites administrativos e das xuntanzas de comisións, agora hai que efectivizar os cambios” e Arroxo afirmou que “é hora de que o PSOE acometa a modificación, xa aprobada, dos nomes franquistas das rúas”.

Os ediles do BNG – Asembleas Abertas fixeron a simbólica colocación dunha placa co nome de Mártires de Carral na praza que aínda se denomina de Comandante Manso e Rubén Arroxo afirmou que “entendemos que o actual equipo de goberno, a pesar das liortas internas, xa teñen claro que non lle van poñer o nome de Manuel Fraga a ningunha das rúas de Lugo” e pediulle a alcaldesa “que execute este cambio no rueiro porque o traballo xa está feito”.

Arroxo indicou que “foi o BNG quen impulsou, sempre, estes cambios no concello de Lugo” e lembrou que o primeiro cambio de nomes franquistas na rúas de Lugo acometeuse no mandato do 1999 e iniciouse, de novo, no pasado mandato pola vontade do BNG mentres estivo no goberno municipal. Arroxo indicou que no pleno do 7 de outubro de 2013 foi aprobada unha iniciativa do BNG na que se instaba a celebrar unha xuntanza da comisión do rueiro para analizar este asunto e esta comisión, reunida o 27 de novembro de 2013, elaborou unha proposta que o PSOE retirou da orde do día da sesión plenaria do 30 de xuño de 2014.

Finalmente o pleno do concello de Lugo celebrado o 5 de maio de 2015 aprobou, cos votos en contra do PP, unha proposta para substitución destes nomes. Desta maneira, cambiarán de nome as rúas Cedrón del Valle que será Isaac Díaz Pardo, a do Tenente Coronel Teijeiro por Lois Peña Novo e a glorieta Comandante Manso denominarase Mártires de Carral. Por outro lado, Irmáns Pedrosa será denominada como Xaquin Lorenzo, a rúa General Tella será rúa Avelino Pousa Antelo, e Ruíz de Alda pasará a ser Luis Cordeiro. Outro dos cambios é que a Avenida Carlos Azcárraga pasará a chamarse Avenida de Adolfo Suárez, primeiro Presidente do goberno español elixido nunhas eleccións xerais libres.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com