O BNG pide a peonalización da ronda da Muralla

O voceiro do BNG – Asembleas Abertas, Rubén Arroxo, anunciou que a formación que representa incluirá entre os seus obxectivos a peonalización íntegra da Ronda da Muralla. Esta proposta plantexa unha rolda na que exista un único carril de tráfico calmado, amplas beirarrúas e espazo para o uso da bicicleta. Arroxo afirmou que “a peonalización da Ronda da Muralla ten que ser un obxectivo para a cidade e hai que abrir o debate”.

Arroxo afirmou que “durante os días pasados os lucenses vivimos perfectamente sen circular pola Ronda e este é o momento de avanzar nun Lugo á altura do século XXI”. O voceiro do BNG-Asembleas Abertas explicou que “se mantería un carril de tráfico calmado para dar servizo e permitir a circulación” pero “evitaríase que a Muralla continúe estando rodeada permanentemente de vehículos e convertida nun lugar hostil para peóns e ciclistas”.

Dentro da proposta dos nacionalistas encadrase a necesidade de configurar un sistema de transporte público axeitado e compatible co calmado do tráfico, a priorización do peón como figura principal e a potenciación do uso da bicicleta. Arroxo dixo que “reducir e calmar o tráfico na Ronda da Muralla é a oportunidade de gañar un espazo para as persoas e promover o comercio e a hostalería nun lugar privilexiado ao carón dun elemento Patrimonio da Humanidade”.

“Outra das razóns para acometer esta importante transformación está na necesidade de preservar fisicamente a Muralla que, a día de hoxe, está sometida a todas as vibracións provocadas polo tráfico rodado” explicou Rubén Arroxo quen afirmou que “Lugo leva retraso en apartar a circulación de vehículos dun monumento como é a Muralla” e puxo o exemplo doutras cidades con monumentos significativos como é o caso do acueduto de Segovia.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com