O BNG presenta unha petición formal para que se inicie a ordenanza de espectáculos con animais

O voceiro do BNG, Rubén Arroxo anunciou que o seu grupo vai presentar unha petición formal ao goberno municipal de cara a que se inicie a ordenanza para espectáculos con animais, e poder así ter regulado o que se pode e non se pode facer dentro do municipio de Lugo.

A formación denuncia que as declaracións de intencións que se fixeron coa aprobación das dúas proposicións plenarias que vetaban o uso de animais en espectáculos circenses quedan sen utilidade se non se leva adiante a súa regulación a nivel legal. “De pouco nos vai servir declarar Lugo libre de circos con animais ou de touradas, se despois non temos ferramentas para impedilo”, afirmou Rubén Arroxo

Dende o BNG lamentan que en Lugo se vivan polémicas que poderían estar perfectamente erradicadas se non fose pola parálise municipal, dado que de existir interese real por evitar estas situacións, isto xa estaría solucionado.

O voceiro nacionalista criticou que a pesar de que o acordo plenario a respecto dos circos con animais tivese lugar no mandato pasado, hai xa máis de dous anos e medio, a día de hoxe non se deu ningún paso. “Lugo estase a atopar cada pouco con situacións conflitivas como esta, por mor de que dende o goberno municipal non son quen nin tan sequera de iniciar as ordenanzas pendentes, como poida ser esta mesma, pero tamén cómpre lembrar a de publicidade ou a de ruído”, engadiu Arroxo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com