O BNG presentará propostas para os orzamentos do Concello de Lugo

O voceiro do BNG no concello de Lugo, Rubén Arroxo, sinalou que “comeza o mes de decembro e o goberno socialista non fala de orzamentos, e despois dirán que non poden facer cousas por que non lles aprobamos os orzamentos”. O BNG trasladaralle ao goberno municipal unha serie de propostas concretas para incluír no documento de orzamentos para o ano 2019.

Arroxo lembrou que, a día de hoxe, o goberno non anunciou ningunha proposta nin se achegou para manter contactos de cara á elaboración dun documento de orzamentos consensuados. “Temos proxecto para este concello, no que hai moito por facer, parece que o goberno non ten presa polos orzamentos por que segue sen ideas ” dixo Rubén Arroxo.

Entre as propostas do BNG figuran a peonalización Mosqueira que xa foi aprobada polo Pleno, pero o goberno non tomou a iniciativa para efectivizala. Outra das propostas para os orzamentos, vencelladas ao Miño, son a creación dunha zona publica de baño e as piscinas termais públicas. Arroxo cuantificou en 600.000 euros as respectivas partidas que o BNG propón para a mellora das instalacións deportivas municipais e das infraestruturas das parroquias. Tamén se reclaman 800.000 € para iniciar un plan de abastecemento de auga no rural.

Outra das partidas á que se referiu Arroxo é a de 1 millón de euros para a eliminación de tapóns urbanísticos e situou os puntos nos que se atopan algúns destes tapóns na rúa dona Urraca, no barrio de Recatelo, no carril das Hortas, na rúa Orquídea, no camiño de Pipín, na rúa San Froilán, na rúa Juana la Loca, na rúa S. Xillao, e na entrada en Galegos. Outras infraestruturas propostas polo BNG para a cidade son: Desdobramento da av. Infanta Elena, a unión dos parques do Miño e Rato, a creación dunha rotonda entre Fontiñas e San Eufrasio ademais do enlace do parque Marcos Cela e a Volta da Viña.

Para o BNG tamén é necesario continuar, dun xeito decidido,  coa eliminación barreiras arquitectónicas e por iso proponse unha partida de 300.000 € destinada a tal fin. Rubén Arroxo tamén dixo que o BNG propón partidas, de cara a revitalización da cidade, para a ampliación Escola Municipal de Música e o remate das obras da praza de Abastos, asi como a creación dun novo parque infantil na zona centro da cidade. Outra proposta é a recuperación sistema de préstamo de bicicletas.

Outras propostas que o BNG trasladará ao goberno son a posta en marcha dun plan de erradicación do chabolismo e o arranxo dos sistemas de evacuación de augas pluviais naquelas zonas da cidade que se inundan reiteradamente cando chove.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com