" />

O BNG solicita o repintado dos pasos de peóns máis estragados

O BNG – Asembleas Abertas solicitoulle hoxe ao Concello que inicie un repintado dos pasos de peóns, posto que algúns están moi borrosos ou totalmente eliminados. En concreto o grupo nacionalista mencionou os da rúa Montevideo, “por ser esta unha das zonas de Lugo con máis tránsito peonil, e onde practicamente non se ven as pinturas dende o vehículo”.

Tamén resaltaron dende as filas nacionalistas o da inserción da rúa Paradai de Arriba ca rotonda de Miguel de Cervantes, onde tras as obras para arranxar o afundimento do pavimento, eliminouse o paso de peóns e a día de hoxe aínda non se repintou,”o cal crea un perigo importante para as persoas que se moven a pé por tratarse dunha vía de dous carrís”.

Rubén Arroxo sinalou a respecto disto que “é unha cuestión de seguridade, polo que non se pode deixar no esquecemento”, lembrando tamén a insistencia do BNG-AA por crear un casco urbano seguro para o movemento peonil. “Se queremos ter unha cidade na que se poida apostar por andar, pola bicicleta, ou calquera alternativa que nos permita usar menos o coche, debemos dar solución a estas pequenas cousas”.

O voceiro nacionalista lembraba que Lugo é un concello cun alto índice de atropelos ao ano, “polo que hai que traballar para a súa redución”, e aproveitou para recordar que o seu grupo municipal está iniciando un proxecto para apostar polo uso da bicicleta como alternativa para reducir o uso do coche, onde tamén prevén estudar a redución de velocidade en moitas das rúas e avenidas de Lugo como unha forma máis para garantir a seguridade. “En Lugo a maioría de rúas dun só carril, estreitas e en zonas residenciais están limitadas a 50km/h, a mesma limitación que atopamos en moitos dos tramos das estradas nacionais, e iso non ten xeito”

Finalmente o concelleiro do BNG-Asembleas Abertas tamén fixo un chamamento a que se estudara a posibilidade de executar máis pasos de peóns elevados na zona urbana, posto que nas súas palabras “a experiencia destes sistemas amosa unha radical redución de atropelos, e permite unha maior accesibilidade ás persoas con algún tipo de discapacidade física, a maiores de lograr calmar o tráfico”

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo