" />

O Camiño de Inverno contará co seu primeiro albergue público

O Camiño de Inverno contará co seu primeiro albergue público unha vez rematadas as obras de rehabilitación da antiga residencia bispal de Diomondi (Saviñao), nas que a Xunta inviste un millón de euros para a construción dun inmoble que contará con 34 prazas para a acollida dos peregrinos, dúas delas adaptadas.
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, que visitou hoxe as obras acompañado do directora deTurismo de Galicia, Nava Castro, e do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, constatou no singular enclave de Diomondi, na Ribeira Sacra, que os traballos
que comezaron en decembro do 2020 non só permitirán dotar aos peregrinos dun servizo de acollida, senón tamén recuperar un edificio medieval declarado Ben de Interese Cultural pero que se atopaba en estado de abandono desde que deixou de ser residencia do Bispado
de Lugo.
Un convenio coa Igrexa permitiu poñer en marcha unha intervención que suporá a rehabilitación integral do edificio, respectando a estética exterior de muros de pedra e fiestras e substituíndo elementos en mal estado, como a estrutura de madeira e a cuberta de tella.
O inmoble sumarase á Rede Galega de Albergues, que desde o ano 2015 supuxo un investimento da Xunta de 15,7 millóns de euros en infraestruturas no Camiño; 10,5 millóns na creación de 14 novos albergues e 5,1 millóns noutras obras de mellora, incidindo
especialmente na accesibilidade e na súa eficiencia enerxética. Completadas estas actuacións, Galicia enfila o dobre Ano Santo con 78 albergues públicos.
Con esta infraestrutura, a Xunta aposta tamén por impulsar o Camiño de Inverno, unha ruta empregada historicamente nos meses máis fríos como alternativa ao Camiño Francés e que percorre as terras da Ribeira Sacra, entre outros paraxes galegos. O Camiño de Inverno foi
recoñecido oficialmente no ano 2016 e, desde aquela, é unha das rutas que máis están a medrar en número de peregrinos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo