" />

O Campus de Verán XuvenCiencia ofrece 16 proxectos e 13 obradoiros para 95 estudantes

A cita terá lugar do 3 ao 9 de xullo no Campus de Lugo da USC. A preinscrición abre este venres, 20 de maio, para alumnado de 4º de ESO, 1º e 2º de BAC e ciclos medios de FP. A aventura do Campus de Verán XuvenCiencia naceu en 2013 inspirada polas universidades para a infancia e adolescencia de Centroeuropa e chega este ano á súa décima edición. A cita celebrarase no Campus de Lugo da USC do 3 ao 9 de xullo de 2022 e ofreceralle 16 proxectos e 13 obradoiros e actividades a 95 estudantes. Este venres, 20 de maio, ás 15:30 horas, abre na páxina web xuvenciencia.org/campus a preinscrición para o Campus, dirixida a alumnado de 4º de ESO, BAC e ciclos medios de FP.

Logo de dúas edicións condicionadas pola pandemia, a organización do Campus de Verán XuvenCiencia 2022, o Grupo de Innovación Docente XuvenCiencia do Campus de Lugo da USC, decidiu artellar este ano un campamento con 16 proxectos científico-tecnolóxicos, biosanitarios, de ciencias sociais e de humanidades, nos que poderán participar entre cinco e seis personas por proxecto. A escolma de proxectos que compón o Campus de Verán XuvenCiencia 2022 está inspirada nalgunhas das investigacións máis punteiras que se desenvolven no Campus de Lugo da USC, como as de peixe cebra para o tratamento do cancro e doenzas raras ou a procura de novas fontes de enerxía mediante fotosíntese artificial. Ademais de desenvolverse nas facultades da USC, nos proxectos tamén se realizará traballo de campo o Museo Provincial de Lugo e no Arquivo Histórico Provincial.

Se o verán pasado foron ofertadas 65 prazas e contempláronse os grupos burbulla, para o décimo XuvenCiencia saen 95 prazas, unha cifra que case que recupera os números prepandémicos, e prevese que as circunstancias sanitarias permitan unha interacción e convivencia total entre as/os xuvencientíficos.

O alumnado poderá escoller para participar no Campus de Verán XuvenCiencia 2022 entre 16 proxectos. Asemade, o programa recupera obradoiros e actividades como a Xincana XuvenCiencia, unha das actividades favoritas edición tras edición e que nesta ocasión servirá como proba de apertura, co propósito de que as e os xuvencientíficos se coñezan cunha proposta pensada para confraternizar e tecer alianzas.

De igual modo, prográmanse visitas a empresas e centros científicos e tecnolóxicos, que nesta ocasión serán Larsa, Finsa, Norvento, Xenética Fontao o CIAR de Rozas, o edificio bioclimático do proxecto Life Lugo + Biodinámico, o Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula) e o Hospital Veterinario Rof Codina. Tras o éxito acadado o ano pasado, regresa tamén a XuvenFeira, a Feira de Ciencia do Campus de Lugo, que percorrerá a Aula de Habilidades Clínicas da facultade de Veterinaria, demostracións de Robótica e Realidade Aumentada na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e obradoiros na Aula de Produtos Lácteos e nos laboratorios do CACTUS.

O alumnado do Campus de Verán XuvenCiencia 2022 terá tamén a oportunidade de participar en visitas guiadas polo casco histórico de Lugo –coa colaboración do Concello–, así como de asistir a clases maxistrais impartidas desde o Espazo de Danza e a Aula de Teatro do Campus da USC en Lugo. Haberá, ao igual que en edicións anteriores, obradoiros de edición de videocreación –a cargo de Merenda Dixital– e de edición de vídeo divulgativo, onde cada grupo encargarase da produción, gravación e elaboración da súa propia peza audiovisual, que participarán a concurso no Festival de Vídeos XuvenCiencia, nos que se entregarán os premios Proxéctate en Galego e Aresa Júnior.

Da man da doutora en Veterinaria e divulgadora Eva Cabanelas e do proxecto Ciencia Calidade desenvolverase para a sesión de despedida do venres un evento de monólogos científicos que precederá a entrega de diplomas e a xa habitual XuvenFesta.

O Campus XuvenCiencia ofértase en réxime de aloxamento e pensión completa en residencias e comedores universitarios do Campus de Lugo. O estudantado estará acompañado en todo momento por monitorado cualificado e para os seráns e as noitiñas está previsto o programa Lumieira Acompaña. As entradas e saídas dos e das alumnas realizaranse o domingo 3 de xullo e o sábado 9 de xullo, respectivamente.

Reserva de praza

O Campus XuvenCiencia de Verán adoita esgotar as súas prazas en cuestión de minutos. Para aumentar as opcións daqueles/as aspirantes a xuvencientíficos que viven en áreas con peor cobertura de internet ou que o día no que abre a preinscrición, polo que sexa, non teñen acceso, nesta edición mantense a novidade incorporada o ano pasado. “Adxudicaremos a metade das prazas na orde da recepción da preinscrición e a outra metade por sorteo entre todo o alumnado inscrito. Asignamos os proxectos seguindo as preferencias de cada un/unha seguindo unha orde aleatoria, non por orde de inscrición. Deste xeito aseguramos a todo o alumnado as mesmas oportunidades de optar aos seus proxectos preferidos”, explica Mercedes Novo, a coordinadora do Grupo XuvenCiencia.

Proxectos dispoñibles no Campus XuvenCiencia 2022

5W Obradoiro de xornalismo. Coñeceranse os segredos da comunicación científica, crearanse contidos exclusivos para o Magacine XuvenCiencia. Os/as alumnos deste obradoiro serán os correspondentes oficiais do Campus de Verán XuvenCiencia 2022.

Análises clínicas: que me pasa, doutora? Coñecerase o valor das análises clínicas como ferramentas para valorar o estado de saúde dos animais e o diagnóstico das enfermidades. Como sabemos se un can ten unha anemia? En que se diferencian o sangue dos mamíferos e o das aves?

Animal CSI: realidade ou ficción? Aproximación a algunhas das técnicas empregadas nos laboratorios para determinar a causa de morte en animais, que ás veces causa grande interese social ou mediático: foi envelenamento? Falta de coidados? Hai risco para a saúde humana ou/e animal?

AquaLab. Sistema de monitorización ambiental con arduino. Mediante hardware de fonte aberta arduino, e tamén sensores ambientais de baixo custe, as e os estudantes rexistrarán parámetros do noso medio ambiente: temperatura, humidade do aire, etc.

Árbores en tubos de ensaio. Como clonar unha árbore a partir dun fragmento minúsculo? Semella maxia, pero é ciencia. O cultivo in vitro permite obter copias de árbores xeneticamente idénticas en grandes cantidades nun tempo moi curto e nun espazo reducido.

Controla e constrúe robots! Ensamblaranse pequenos robots e sistemas automatizados e o alumnado aprenderá a programar un microcontrolador para manexar os sensores destes pequenos robots.

Impresión 3D. Converte unha idea en realidade. O alumnado converterá unha idea nun obxecto real a través de modelado tridimensional mediante software de uso cotián no mundo da enxeñaría. Posteriormente procederase ao seu tratamento para a impresión 3D e obterase o produto imaxinado.

Estratexias para o desenvolvemento dunha idea. Traballarse en equipo para a creación dun produto innovador e a súa promoción a partir de estratexias de márketing e publicidade, como a elaboración dun anuncio.

Cociña molecular: ciencia e gastronomía nunha soa disciplina. Esferificación? Destilación a presión reducida? Nitróxeno líquido? Os mecanismos químicos permiten a creación de pratos extraordinarios chamados non só a satisfacer o sentido do gusto, senón tamén da vista, o olfacto e o tacto.

Fotosíntese artificial. Na procura de novas fontes enerxéticas. O obxectivo deste proxecto reside en descompoñer auga tanto por vía fotoquímica como electrolítica. Desde xeito procurarase remedar nun laboratorio un proceso natural como é a fotosíntese.

Supera este reto! Educando con ciencia: outras maneiras de ensinar e aprender. Pensas dedicarte á docencia? Neste proxecto experimentarás con distintos recursos e metodoloxías: dramatizacións contra os estereotipos de xénero, retos motores para a cooperación e a estratexia colaborativa, prácticas para sacar a ciencia dos libros de texto e resolución de problemas.

Cultura accesible a golpe de clic. Como lles contarías a outras persoas o interesantes que son os teus libros favoritos? Sábelo todo desa serie de televisión e daquel artista e desa cantante, pero de que xeito llo farías entender a outros/as? Este proxecto levarate ao Museo Provincial de Lugo para convertirte nunha experta/o en divulgación cultural grazas ás ferramentas narrativas ao noso dispor.

Facer ciencia coas letras. Os arquivos lévanlle moitos séculos de anticipo ao big data como fonte de coñecemento. Como se da sección de libros prohibidos de Hogwarts se tratase, aprenderás a abordar documentación antiga para facer unha investigación histórica e bucear nos rexistros criminais dos séculos pasado para reconstruír casos sen resolver.

Patóxenos animais: na procura dos malos. Bacterias e virus causan moitas doenzas. Neste proxecto aprenderanse algunhas das técnicas para o diagnóstico de enfermidades infecciosas: cultivo de bacterias, observación baixo o microscopio, antibiogramas e bioloxía molecular.

Ferramentas ADN: unha cebra na auga e DNI xenético. O peixe cebra converteuse nun organismo modelo para a experiemntación en áreas como a biomedicina. O alumnado deste proxecto realizará as técnicas moleculares e as análises necesarias par resolver casos reais de probas de paternidade en animais.

Fai tremer os teus cimentos. É posible que unha construción estea feita a proba de terremotos? En XuvenCiencia poderás deseñar e construír unha mesa vibratoria 1D controlada por hardware libre e que permita aplicar sobre maquetas ondas de diferentes tipos, para ver como responde, e analizar o seu comportamento en caso de que se producise un sismo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo