O candidato do PP propón un debate dos cabeza de lista das Municipais

O candidato do PP de Lugo propón que de cara á campaña electoral das municipais se organice un debate electoral cos candidatos dos partidos políticos. Jaime Castiñeira suxire un debate aberto a todos os medios locais invitando á Asociación da Prensa a que asuma a súa organización nun lugar neutral e nas condicións que acorden os partidos políticos que teñan interese nesta proposta.

Castiñeira matizou que “confiamos na súa transparencia, rigor, experiencia e imparcialidade” e nese senso hoxe trasladáballe esta petición ao seu Presidente. A proposta do alcaldable do PP xorde logo de percibir o interese de diversos medios de Lugo para organizar debates electorais de cara aos comicios do vindeiro 24 de Maio matizando que “por suposto que estamos interesados en debater coas formacións políticas que presentan candidatura ás municipais, temos un proxecto moi claro de cidade e temos total predisposición a contrastalo co resto das forzas políticas”.

O candidato popular considera necesario un debate de ideas de forma rigorosa subliñando que “este intercambio de propostas é importante tanto para os partidos coma para os cidadáns. Para nós, porque nos permiten explicar o modelo de Concello que queremos e as nosas propostas de mellora, e para os veciños, porque poden escoitar diferentes puntos de vista e valorar cal é o mellor para conseguir ese Lugo que todos queremos”.

Jaime Castiñeira afirmou que “dignificar a política é tamén dar a cara e o debate ideolóxico e de propostas axuda a perfilar as posturas duns e doutros”.

López Orozco.

O candidato do PSOE e alcalde de Lugo, José López Orozco, amosouse disposto a debater, como sempre se fixo nesta cidade e como aconteceu, por exemplo, nos comicios municipais do ano 2011. “Por suposto que debaterei nesta campaña cos demais candidatos cunha fórmula na que estean marcados os tempos, os temas e as formas; como non hei facelo!”. E lembroulle a Castiñeira que “o Alcalde está sempre dispoñible en Lugo”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com