O CEI Nodus oferta varios cursos de formación para emprendedores

A área de Desenvolvemento Local e Emprego continúa pulando polo emprendemento no ámbito da transformación dixital como mostra da aposta decidida e ao apoio do goberno de Lara Méndez tanto á modernización e adaptación do comercio local á transformación dixital imperante como solución á competencia que supón a venda por internet, como á capacitación dos emprendedores para que poidan poñer en marcha, de forma exitosa, novas fórmulas de negocio.

Entre o 9 e o 11 de marzo, ainstalacións do CEI Nodus acollerán a realización de varios obradoiros de formación dirixidos a profesionais que se atopen inmersos en procesos de dixitalización e transformación dixital das súas empresas ou que requiran actualizar a súa formación e incorporar novas competencias para mellorar a súa proxección profesional e mesmo a súa situación laboral.

“Os talleres, impartidos por Red.es desenvolveranse en tres sesións, cada unha de catro horas de duración, en horario de 16:00 a 20:00 horas”, indicou o edil Mauricio Repetto.

O concelleiro sinalou que o primeiro dos cursos, programado para o luns, día 9, basearase en analizar os diferentes conceptos propios do ecosistema emprendedor, “para familiarizarse coa terminoloxía sobre emprendemento – que é unha start up, o coworking, etc. Ademais, outro dos aspectos importantes a tratar é o dos axentes que operan no mercado e que poden axudar na creación e desenvolvemento dunha empresa, como as incubadoras ou aceleradoras”.

As persoas asistentes terán tamén a oportunidade de traballar e practicar as diferentes técnicas de ideación e solución de problemas que achega o Design Thinking así como identificar as diferentes fórmulas de financiamento de proxectos nas distintas fases de idea, semente, crecemento, escalado e exit.

Repetto explicou tamén que o obradoiro previsto para o martes 10, centrarase, pola súa banda, en coñecer e analizar os diferentes modelos de negocio, para dominar a xeración de ingresos e a xestión de custos, identificando as ferramentas e habilidades a ter en conta cando se traballa con socios.

“Cales son os proles, contras e cautelas ou practicar algunhas metodoloxías de xestión de proxectos que están a transformar as empresas nos últimos anos son algunhas das actividades que se levarán a cabo”.

Finalmente, na xornada do mércores, falarase de como conseguir clientes que permanezan fieis á marca utilizando estratexias de fidelización eficaces.

“Neste taller intentaremos comprender o rol do cliente nunha contorna dixital e valorar as técnicas para poñer en marcha unha estratexia de márketing ao respecto. Igualmente, abordarase a medición de resultados e a optimización das accións online como un proceso continuo de mellora para o logro dos obxectivos empresariais”, referiu o edil de Desenvolvemento Local.

O concelleiro subliña que a formación será de gran utilidade xa que propiciará unha actualización de coñecementos na materia tratada e se achegarán novas saídas profesionais. “Supón, ademais, unha oportunidade para os traballadores de calquera empresa que poderán ampliar as súas competencias para acceder a novos postos na organización ou mellorar as condicións dos seus cargos actuais”.

As persoas interesadas poden inscribirse, até o día anterior á realización de cada un dos obradoiros, a través da seguinte ligazón: https://adalidformacionyempleo.com/redes/ e, automaticamente chegaralles un mail coa documentación que teñen que enviar segundo sexan traballadores ou desempregados.

As tres accións desenvolveranse en modalidade presencial e, trala formación, as e os participantes que superen con éxito a avaliación final do curso poderán obter un certificado do mesmo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com