" />

O centro de maiores de Ribadeo comezará a recibir usuarios este venres

A nova residencia de maiores de Ribadeo comezará a recibir aos primeiros residentes este venres, 14 de xuño. Esa xornada chegarán os 8 primeiros usuarios e logo seguirán facéndoo de xeito escalonado ata completar as 30 primeiras prazas cubertas desta instalación. O alcalde ribadense, Fernando Suárez, amosouse hoxe satisfeito pola apertura deste “soño colectivo”, tras moitos meses de traballo, planificación, cooperación e coordinación.

O rexedor manifestou que “despois de moitísimas horas de traballo, por fin a residencia de maiores de Ribadeo abrirá e empezará a súa actividade formal este venres. E para iso temos convidado ao presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, ao que foi o seu vicepresidente Antón Veiga, á Corporación actual así como aos primeiros usuarios que van entrar a partires deste venres. Hai que ter en conta que na primeira comisión de valoración se aprobaron aproximadamente trinta expedientes de trinta persoas e estes son os que van ir entrando escalonadamente. Van empezar este venres con oito persoas, para a semana seguinte outras oito e así sucesivamente. Tamén nos vindeiros días celebraranse novas comisións de valoración para ir estudando todos os expedientes daquelas persoas que queren vir vivir os seus últimos anos, e oxalá sexan moitos, nesta especie de hotel de primeira calidade”.

Fernando Suárez dixo: “quero tamén acordarme das dúas Corporacións nas que traballamos todo este proxecto colectivo, a que vai finalizar o mandato o vindeiro sábado así como á Corporación anterior, de 2011 a 2015, que foi onde se puxeron as bases e onde xermolou toda esta idea. Ademais quero recordar a todas as asociacións de veciños que desde o principio tamén impulsaron todo este traballo colectivo, que é unha mostra de que cando algo se fai con toda a boa vontade, aplicando as leis, coordinando con todos os técnicos tanto do Concello como da Deputación, cando todo se fai colectivamente por un ben común ao final acaba resultando e isto vai ser unha realidade”.

O alcalde lembrou que “este percorrido non foi de rosas, houbo moitas pedras no camiño, houbo moitos paus nas rodas pero, a pesares de moitas zonas escuras da política e dalgunhas cloacas por aí autonómicas, por fin isto vai nacer e nace moi ben, con moita seguridade xurídica, cunha garantía de que ninguén vai ser excluído por razón dos seus ingresos ou do seu patrimonio, terán todos dereito. Será preferentemente para os de Ribadeo sen excluír a ningún de fora porque a lei non o permite, pero será unha honra para todos os homes e mulleres que queiran ir pasar os últimos anos da súa vida con toda calidade, con toda garantía e con toda ilusión”.

Suárez Barcia engadiu que “queremos dicir que toda esta apertura puidémola ter forzado para antes das eleccións, xustamente coincidindo coa campaña electoral, pero para nada quixemos forzar a máquina neste senso, sabíamos que pouco podíamos gañar, o traballo faise durante catro anos e non en quince días, e seguramente poderíamos perder diante da opinión pública de moita xente. Polo tanto agora, para que se vexa que todo aquilo que fomos dicindo  durante todo este tempo era verdade, vaise ver o resultado, así que tanto os usuarios como a Corporación e calquera outra persoa que queira achegarse ata alí con nós será benvido e poderá ver esta marabilla colectiva que creamos en Ribadeo”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo