O certame de pintura burelés Amarte pecha o prazo de recepción o 15 de xullo

A segunda edición do Certame Internacional de Pintura Mural Amarte, que se celebrará en Burela a primeira fin de semana de agosto, pechará o prazo de recepción de bocetos o vindeiro domingo, 15 de xullo. Ata o momento son 12 os traballos presentados, segundo ven de confirmar o concelleiro de Cultura, José Díaz. A entrega de premios contará coa presenza de Fernando Romay, que será o pregoeiro da Feira do Bonito 2018.

O edil burelés anunciou que “este ano será a segunda edición do Certame Internacional Amarte que facemos en Burela. Quédanos ata o 15 de xullo como prazo final para a recepción dos bosquexos que aspiran a participar en esa final a dez, no muro portuario. Xa recibimos, a data do 10 de xullo, 12 obras. Son máis das que terían que pintar, pero esperamos que a cifra aumente estes últimos días que sabemos que hai xente que está a preparar bosquexos e que os mandan no último momento. Recibiremos todos eses bosquexos o 15 de xullo e aí o xurado decidirá cales son os dez que pintarán este ano”.

José Díaz agarda que “a participación sexa similar á do ano pasado, que se recibiron 30 obras ao final, e que o tempo nos acompañe para que a xente poida gozar dos artistas, e os propios artistas entre eles. O ano pasado foi unha experiencia moi boa para eles e para a xente que lles vía terminar as súas obras. Isto fará que o muro xa teña vinte pinturas de concursantes máis dúas de artistas invitados, o ano pasado foi Marc Taeger e este ano será Otero Regal ademais cunha obra de cerámica que é unha das súas especialidades, tocamos algo diferente neste certame internacional”.

O concelleiro de Cultura quere “animar á participación nestes últimos días, xa o día 16, ao día seguinte da recepción de obras, avisarase vía mail a todos os seleccionados para que poidan facer os seus plans e programar a súa estancia en Burela durante o primeiro fin de semana de agosto. O domingo 5 de agosto será a entrega de premios, e este ano contaremos coa presenza de Fernando Romay, que é o pregoeiro da Feira do Bonito, e  aproveitaremos a súa visita para que participe tamén este acto”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com