O Concello aproba a licitación do ‘leiraparking’ do HULA

Cumprindo o avanzado pola Alcaldesa, a Xunta de Goberno aprobou esta mañá o inicio do procedemento para contratar as obras de acondicionamento da parcela municipal situada en fronte do HULA como  aparcadoiro público e gratuíto.

En concreto, segundo informou o voceiro municipal, Miguel Fernández, o Executivo deu luz verde aos pregos que rexerán a adxudicación do proxecto e a consignación económica necesaria para acometelo, que se eleva a 119.000€ e é posible tras a liquidación do orzamento do pasado ano 2017. Asemade, a empresa elixida conta cun prazo de execución de tres meses.

A licitación publicarase agora no Perfil do Contratante, na páxina web do concello, tras o que se abrirá un prazo de 20 días naturais para que as empresas presenten as ofertas.

Dos 25.000 ms2 de superficie que ten a parcela municipal situada en fronte do HULA, adecuaranse como aparcamento 12.200, que terán capacidade para 363 vehículos. Os traballos precisos consisten no movemento de terras para a explanación e nivelación do terreo, que se cubrirá con zahorra, e a instalación dun peche perimental vexetal de tulla. Así mesmo, protexerase a mámoa cun peche de madeira, formado por postes verticais unidos por elementos horizontais tamén de madeira, formando dúas barandillas a distintas alturas, a 5 metros de distancia dos restos arqueolóxicos. As actuacións levarán aparellado un control arqueolóxico na parcela.

O novo aparcadoiro público e gratuíto en fronte ao HULA cumpre unha gran demanda veciñal e complementa a ampliación das prazas que xa fixo o Goberno no 2016 coa reordenación do estacionamento na estrada que circunda o centro hospitalario. Con ambas actuacións, crearanse só neste mandato 513 novas prazas de balde, o que
contribuirá a paliar os problemas de aparcamento existentes que se encontran os usuarios do hospital, entre 3.000 e 4.000 persoas ao día.

Actividades no rural
Na reunión de hoxe, a Xunta de Goberno aprobou tamén sacar a contratación un servizo de información e dinamización dos 7 centros socioculturais do Concello na zona rural, en concreto, situados en San Xoán do Campo, Calde, Coeses, Santiago de saa, Santa María de Bóveda, Santa Comba e Rubiás. O importe base de licitación é de 87.417,35€ ao ano, e o período do contrato dun ano, prorrogable ata 5. O voceiro municipal e Concelleiro de Medio Rural subliñou que este “servizo público contribúe a mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas das nosas parroquias, un dos compromisos fundamentais do Goberno”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com