O Concello aproba o plan de patrocinios do Arde Lvcvs

O Concello de Lugo aprobou hoxe na Xunta de Goberno Local o plan de patrocinios do Arde Lvcvs 2025, unha iniciativa que busca reforzar a ambientación, a programación e a difusión do evento a través da colaboración con empresas privadas. O modelo establecido permitirá que entidades de distintos sectores poidan apoiar a festa mediante achegas económicas que se traducirán en maior visibilidade nos espazos oficiais, materiais promocionais e soportes dixitais do evento.

O edil de Xuventude, Jorge Bustos, destacou que “este programa de captación de patrocinios permitirá seguir evolucionando a festa, ao tempo que se incrementa a calidade das actividades e a ambientación xeral”.

O plan establece seis categorías de patrocinio adaptadas ás diferentes posibilidades económicas das empresas interesadas en colaborar co evento. O nivel máis básico, o patrocinio Lexionario, require unha achega de 1.500 euros e inclúe presenza en redes sociais, na web oficial, en carteis e no programa da festa. O patrocinio Optio, cunha contribución de 3.000 euros, engade a participación na reunión de patrocinadores con nota de prensa. No nivel Centurión, cunha achega de 6.000 euros, os patrocinadores suman anuncios en prensa e unha publicación exclusiva nas redes sociais oficiais do evento.

A partir deste punto, os patrocinadores que aposten por achegas superiores recibirán unha visibilidade maior nos soportes do evento. O patrocinio Prefecto, con 10.000 euros, ofrece mupis exclusivos, presenza no vídeo oficial e 10 entradas para o circo. As empresas que opten polo patrocinio Tribuno, cunha contribución de 15.000 euros, contarán cun número superior de mupis exclusivos e un reforzo na publicidade individualizada. Finalmente, a categoría máis alta, o patrocinio Legado, destinado a quen achegue 18.000 euros, outorgará a máxima visibilidade, con 30 banderíns no centro histórico, presenza destacada en materiais de difusión e privilexios exclusivos na promoción do evento.

A captación de patrocinios estrutúrase a través dun procedemento aberto, no que as ofertas económicas marcarán a adxudicación, permitindo así unha xestión transparente e competitiva.

A festa de recreación histórica, que se celebrará entre o 12 e o 15 de xuño de 2025, foi recoñecida en 2023 como Festa de Interese Turístico Internacional e conta co respaldo dos e das lucenses e de todo o tecido asociativo da cidade.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com