O Concello aproba o proxecto para dotar de alumeado a estrada e o paseo do Rato

O voceiro do Goberno local, Miguel Fernández, informou este mércores de que a Xunta de Goberno aprobou este mércores o proxecto para a execución da actuación da iluminación do Paseo Fluvial do Río Rato e da estrada LU-P- 2925, enmarcado dentro dun convenio de colaboración entre o Concello e a Deputación. En virtude do proxecto aprobado hoxe, o organismo provincial poderá aprobar na súa Xunta de Goberno o vindeiro venres o inicio do proceso de contratación de ditas obras.

Tal e como adiantou Fernández, este proxecto de alumeado do paseo fluvial do río Rato e da estrada provincial que discorre ao seu carón, suporá a instalación de alumeado público, de eficiencia enerxética, nun traxecto de máis de 7 quilómetros, entre a Avenida de Madrid (Casa María) e o Parque do Sagrado Corazón. Trátase dunhas actuacións valoradas en preto de 1,4 millóns de euros, que asumirá integramente a Deputación. Posteriormente, a entidade local farase cargo do mantemento e consumo de enerxía.

O alumeado desta zona, que responde a unha demanda dos veciños e veciñas plantexada nos Orzamentos Participativos da Deputación, enmárcase na aposta, tanto da entidade local como da provincial polo cinto verde da cidade. A intención de ambos os dous Gobernos é potenciar as zonas verdes,  non soamente co alumeado público, senón con outras melloras posteriores, co obxectivo de ampliar a utilización de espazos públicos para o seu uso público.

Fernández lembrou que para acometer estas obras, foi necesario pedir 8 permisos a diferente institucións. A que máis se demorou foi a Confederación Hidrográfica Miño- Sil, que contestou recentemente, e ademais, fixo unha recomendación á Deputación para que aplicara ao proxecto.

O organismo provincial acometeu dita recomendación coa máxima axilidade, que se baseaba en separar os postes de luz 5 metros do cauce do río, o que implicou un recálculo da potencia necesaria para alumear tanto o paseo como a estrada, e garantir así a seguridade viaria. Tras a aprobación do proxecto na sesión deste mércores, a Deputación xa pode iniciar o proceso de contratación das obras este mesmo venres, trámite que porá en marcha o Goberno Provincial.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo