" />

O Concello arranca as 8 iniciativas de apoio do emprendemento dos Orzamentos Participativos

As concelleiras de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, e de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, anunciaron esta mañá o inicio das 8 iniciativas de dinamización e o apoio ao emprendemento que pediu a cidadanía nos Orzamentos Participativos.

As propostas, relacionadas co emprendemento, supuxeron o 30% das totais da campaña de participación cidadá, “o que significa que todas as accións que estamos levando a cabo no CEI Nodus dan os seus froitos e que a Administración local, ademais de máis próxima, é tamén a máis eficaz para xerar emprego, autoemprego e polo tanto riqueza”, subliñou Ana Prieto.

Rosana Rielo incidiu en que moitas das propostas cidadás recibidas no Lugo Opina Orzamentos Participativos que non saíron adiante foi porque “xa se realizaban os proxectos dende distintas áreas do Concello, o que nos anima a seguir nesta mesma dirección”.

Os 8 proxectos de emprendemento que desenvolverá o Concello no marco dos Orzamentos Participativos son fundamentalmente accións formativas, de capacitación e asesoramento a cargo de expertos dirixidas á xuventude, mulleres, autónomos e Pemes co fin de implantar ou mellorar unha actividade empresarial a través das novas tecnoloxías, a innovación e a creatividade.

A primeira das actividades aprobada polos lucenses foi o Programa 3C: Capital Creativo Competitivo que arranca o luns, e ofrecerá a 20 empresas e emprendedores capacitación e asesoramento personalizado para definir e reinventar os seus modelos de negocio co obxectivo de descubrir e implementar metodoloxías creativas que melloren a súa capacidade competitiva.

Aprende a Medrar e outro dos programas solicitados nos Orzamentos Participativo e centrado na consolidación empresarial establecendo estratexias para atraer clientes e fidelizalos. Celebrarase entre os meses de marzo e maio.

A terceira das iniciativas, Píldoras de coñecemento para emprendedores, está orientada a empresas xa constituídas, incluirá catro obradoiros sobre técnicas para mellorar o funcionamento e competitividade dos negocios.

Entre febreiro e abril desenvolverase o Estudo dun plan de accións para a transformación do barrio da Tinería, unha iniciativa que complementará a decisión do Concello de crear nesta zona un viveiro de empresas a pé de
rúa, e que incluirá medidas en sete eidos: comercial; administrativo; educativo, docente e cultural; asistencial; deportivo; sanitario; e obradoiros de artesanía.

Tamén os estudantes universitarios e de ciclos terán o seu recuncho de formación. Será no programa Future Jobs Tools, unha iniciativa de formación dirixida tamén, mulleres emprendedoras, autónomos e pemes interesados en coñecer as novas tendencias do mercado laboral, marcadas polas novas tecnoloxías. Impartiranse entre febreiro e marzo tres obradoiros baseados na novela empresarial El Desafío de Yago, a secuela de La
Aventura de Diana, unha referencia na aprendizaxe da innovación.

Chatbot Learning é unha actividade dirixida a formar na aplicación da intelixencia artificial de forma sinxela e práctica a unha idea de negocio ou a unha empresa en marcha. Terá lugar en marzo.

Tamén para os mozos lugueses, nace o Lucus Raid, Emprende o Camiño, quince mozos con inquietudes emprendedoras, ao mesmo tempo que percorren a ruta xacobea, recibirán titorías individualizadas en materia de creación de empresas. A actividade celebrarase entre marzo e maio.

E, por último, os Orzamentos Participativos tamén contemplaban a celebración da Segunda edición da Feira de Nenos e Nenas Emprendedores, que busca fomentar o espírito emprendedor entre os máis pequenos. Celebraranse uns obradoiros previos no primeiro semetre do ano.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo