O Concello concede novas licencias para a construción de catro naves nas Gándaras

A Xunta de Goberno Local deste mércores aprobou a concesión de novas licencias para a construción de catro naves no polígono industrial das Gándaras, unhas actuacións cun orzamento conxunto de preto de 1,7 millóns de euros que ocuparán 15.800 metros cadrados, segundo explicou o voceiro municipal, Miguel Fernández.

Os permisos están destinados á posta en marcha dun tanatorio; unha carpintería de aceiro inoxidable;  almacenaxe e distribución de produtos de alimentación e bebidas; e un taller mecánico. O prazo de execución das obras é nos catro casos de 24 meses.

Con estas licencias, o Concello leva concedido dende finais do mes de xullo 13 licencias de construción de naves no polígono das Gándaras, un permiso no que a entidade local aplica unha bonificación do 50% “para favorecer o asentamento de empresas nese parque”, subliñou o voceiro.

A Xunta de Goberno tamén aprobou unha licencia para a reforma e acondicionamento dun local como ximnasio no centro comercial de Abella. O importe das obras é de 543.000 euros e o prazo de execución de 12 meses.

Doutra banda, na sesión de hoxe a Xunta de Goberno aprobou, como xa avanzara a Concelleira de Economía, Ana Prieto, a licitación da segunda fase da remodelación da praza de abastos, un proxecto con 1,6 millóns de euros de orzamento e 6,7 meses de prazo, enmarcado no Plan URBAN, que financia nun 80% a Unión Europea.

O obxectivo é modernizar e facer máis atractiva a Praza, o que aumentará a competitividade e posicionamento comercial dos praceiros. Conseguirase un mellor aproveitamento da superficie, cunha nova distribución dos usos, e tamén mellorar a accesibilidade, a eficiencia enerxética e a xestión de residuos.

Como xa anunciou tamén onte o propio Miguel Fernández, na reunión desta mañá acordouse adxudicar o Plan de Roza por un importe de 97.200 euros. Os traballos, que acometerá a empresa Desbroces Méndez e Hijos SL., comezarán de inmediato en Esperante, e desenvolveranse en 49 das 54 parroquias do Concello, facéndose cargo da limpeza viaria das 5 restantes a brigada municipal.

O voceiro municipal informou así mesmo de que a Xunta de Goberno aprobou recoñecer á empresa concesionaria da explotación e mantemento da Fábrica da Luz, INCA Servicios y Proyectos de Ingeniería Civil SA, que ten un contrato coa administración local, o que lle serve como aval de cara a acceder ao mercado financeiro privado para a súa capitalización. A figura da hipoteca dunha concesión
administrativa está prevista na Lei de Contratos do Sector Público.

Unha vez que recibiu as autorizacións pertinentes da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, a concesionaria está pendente agora de concertar a devantida hipoteca para comezar as obras de rehabilitación nas instalacións da minicentral hidroeléctrica, consistentes na creación dun espazo expositivo sobre a auga.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com