O Concello de Lugo declara a nulidade dunhas oposicións tras un recurso de FADEMGA Plena inclusión Galicia

A Xunta de Goberno Local do Concello de Lugo acordou, logo dun ditame do Consello Consultivo de Galicia, estimar o recurso interposto pola Federación Galega de Asociacións en favor das Persoas con Discapacidade Intelectual ou do Desenvolvemento (Fademga Plena Inclusión Galicia) declarando a nulidade de pleno dereito dun proceso selectivo e as posteriores actuacións. Esta resolución pon fin á vía administrativa pero é susceptible de recurso contencioso.

FADEMGA Plena inclusión Galicia interpoñía o 8 de marzo de 2018 un recurso de reposición ao Concello de Lugo fronte ao decreto 17011339 do 26/12/2017 polo que se convocaba un proceso selectivo por oposición para o acceso a unha praza de axudante de cociña e limpeza reservada a persoas con discapacidade intelectual.

No recurso alegábase como causa de impugnación das bases específicas a vulneración da reserva legal establecida para este colectivo nas disposicións legais reguladoras do acceso ao emprego público das persoas con discapacidade.

A Federación expoñía no recurso que este tipo de procesos selectivos reservados en exclusiva a persoas con discapacidade intelectual non poden permitir que persoas que non acrediten dita condición poidan participar. Igualmente, as bases non contemplaban adaptación algunha de tempos nin medios para atender as necesidades das persoas do colectivo.

A pesares do recurso presentado no seu día por FADEMGA Plena inclusión Galicia, o proceso selectivo  continuou celebrando todas as súas fases ata a proposta como persoal funcionario do Concello de Lugo dunha das persoas participantes.

Despois da resolución, por parte do Concello, dende a Federación esperan a publicación dunha nova convocatoria reservada a persoas con discapacidade intelectual, nesta ocasión cumprindo os requisitos legais esixidos para este tipo de procesos selectivos, ao tempo que fan un chamamento a tódalas Administracións, tanto locais como provinciais ou autonómicas para que “cumpran de maneira escrupulosa” a normativa de convocatoria de prazas reservadas en exclusiva para o colectivo de persoas con discapacidade intelectual.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com