O Concello de Lugo licita o programa Aprende Xogando por máis de 350.000 euros anuais

O Goberno local tamén solicitará unha Unidade de Atención Temperá e contratará un centro móbil de videovixilancia para o San Froilán

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, informou este luns dos asuntos abordados pola Xunta de Goberno Local en materia de conciliación, atención a menores e seguridade.

Entre os acordos figura a licitación do programa municipal Aprende Xogando, cun orzamento superior aos 350.000 euros anuais e unha duración prevista de dous anos.

O prego establece unha ratio xeral dun monitor por cada dez menores. No caso de participantes con necesidades educativas especiais, a proporción será dun profesional por cada cinco menores.

Candia anunciou tamén que o Concello se presentará á convocatoria da Xunta de Galicia para solicitar a creación dunha Unidade de Atención Temperá en Lugo. O Goberno local estudará, ademais, a posta en marcha dun programa piloto de atención postemperá para continuar o acompañamento ás familias despois desta etapa.

Contratos relacionados coa seguridade

A Xunta de Goberno adxudicou o contrato de mantemento dos equipos de protección e extinción contra incendios dos edificios municipais. O gasto previsto supera os 60.000 euros para os anos 2026 e 2027.

A alcaldesa referiuse tamén ao incendio rexistrado o domingo no restaurante Antas e agradeceu a intervención do Servizo de Extinción de Incendios, da Policía Local e de Protección Civil. Así mesmo, indicou que están en marcha procesos para incorporar novos efectivos á Policía Local e ao corpo de Bombeiros.

Por outra banda, o Concello licitou por 61.347 euros, para un período de tres anos, a contratación dun centro móbil de control das cámaras de videovixilancia durante o San Froilán. A acivación deste dispositivo, que se utilizará como apoio ao traballo das das forzas de seguridade, tera que contar coa autorización da Delegación do Goberno.

Reunións veciñais e licenza empresarial

O Goberno municipal iniciará unha rolda de encontros nos barrios e nas parroquias para recoller propostas destinadas á elaboración dos Orzamentos de 2027. As primeiras reunións están previstas para este martes en Bóveda, San Mamede dos Anxos e Conturiz.

A Xunta de Goberno concedeu tamén licenza para ampliar unha empresa dedicada á elaboración de café nas Gándaras. A actuación contempla un investimento superior aos 1,2 millóns de euros.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com