O Concello de Lugo súmase á Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo Galego

O Concello de Lugo vén de anunciar a súa integración na Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo Galego, constituída na tarde de onte en Santiago de Compostela, para “reforzar o apoio e compromiso incondicionais que sempre tivo o Goberno local cos gandeiros e as súas reivindicacións”, subliñou esta mañá Miguel Fernández, delegado de Medio Rural, quen avanzou que a entidade local se sumará ás mobilizacións previstas polas organizacións sindicais.

O concelleiro e a Alcaldesa, Lara Méndez, participaron na asemblea na que se constituíu onte en Santiago a plataforma galega en defensa do sector lácteo. Miguel Fernández afirmou que “a improvisación e deixamento do Goberno central e a Xunta ante a desaparición das cotas e en canto á aplicación efectiva do paquete lácteo están abocando ás explotacións de leite a unha situación dramática, con prezos de miseria que en moitos casos non cobren nin o 50% dos custes de producción, e coa ameaza mesmo de que lles suspendan a recollida do leite”.

Deste xeito, o voceiro municipal esixiu “solucións políticas inmediatas” que poñan fin á situación “insostible” que están a vivir os gandeiros.

No Concello de Lugo existen máis de 200 explotacións de vacún de leite, que dan emprego directo a unhas 500 persoas, segundo datos dos sindicatos agrarios. A estes empregos hai que sumarlle os indirectos, como veterinarios, xestorías, venda de maquinaria, ou empresas de transformación de leite, entre outros.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com