" />

O Concello de Mondoñedo concederá a Susana Rodríguez Gacio a distinción de filla adoptiva predilecta

A corporación municipal do Concello de Mondoñedo aprobou na sesión plenaria deste venres por unanimidade de tódalas forzas políticas iniciar o expediente para concederlle a Susana Rodríguez Gacio a distinción de filla adoptiva predilecta.

O alcalde, Manolo Otero, comunicoulle directamente á médica e deportista con raíces mindonienses o acordo adoptado polo pleno ante o que se amosou “moi contenta e ilusionada”, segundo explica o rexedor. Durante a conversa tamén lle trasladou o desexo do Concello de organizar un acto, unha vez rematado o procedemento administrativo, “coincidindo cunha data que se adapte ao seu calendario de compromisos e ocupacións”.

Susana Rodríguez Gacio vén de lograr a medalla de ouro en triatlón na clase PTVI e a quinta praza na proba de 1.500 metros da clase T11 nos Xogos Paralímpicos de Tokio; sendo, ademais, a primeira española en competir en dous deportes distintos. Tres veces campioa mundial de triatlón, rematou en setembro do 2020 a especialidade de Medicina Física e Rehabilitación no Centro Hospitalario de Santiago e a partir de entón dedicouse exclusivamente a preparar os Xogos de Tokio despois de obter Diploma Olímpico xa en Río.

Recentemente, foi protagonista da portada da revista Time que destacou tamén a faceta profesional da atleta con diversidade funcional como médica en recoñecemento ao seu traballo dende a primeira liña durante a pandemia.

O goberno municipal amósase satisfeito polo “apoio unánime” para o inicio do expediente para concederlle esta distinción a Susana Rodríguez Gacio. “Os nosos veciños séntense moi orgullosos das súas raíces. É un exemplo para todos”, engaden.

O Concello quere recoñecer, polo tanto, a Susana Rodríguez Gacio polos éxitos deportivos; pero, especialmente, polos valores que representa: “enerxía, esforzo, constancia e superación”. O goberno local sinala que “é unha figura de proxección internacional moi vinculada a Mondoñedo” porque “os seus pais e toda a súa familia son da parroquia de Argomoso e comparte con nós moitos momentos”. Recordan dende o consistorio que “foi pregoeira das San Lucas no ano 2016, despois de participar nos Xogos Paralímpicos e Río”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo