" />

O Concello de Ribadeo non recibiu comunicacións nin solicitudes para a celebración hoxe do Illa Pancha Challenge

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, asegura que o Concello non recibiu ningunha comunicación formal ou solicitude de autorización para a celebración hoxe do Illa Pancha Challenge. As competencias municipais estarían relacionadas coa reserva de aparcadoiros ou a xestión do tráfico de vehículos polos viarios municipais. Algo que non se podería ter autorizado en ningún caso, dadas as restricións decretadas pola Xunta para facerlle fronte ao covid19.

O rexedor declarou que “nós non temos ningunha comunicación formal ou solicitude de autorización do que puidera ser de competencia municipal, como a reserva de aparcadoiros ou a xestión de tráfico de vehículos polos viarios municipais, etc…, algo que evidentemente tampouco se podería ter autorizado en ningún caso, dadas as restricións que imperan en Galicia decretadas pola Xunta. As competicións ou probas deportivas no mar non son competencia municipal, polo que tampouco se puideran ter autorizado polo Concello no caso de teren sido presentadas”.

Suárez Barcia dixo que “desde o Concello descoñecemos como os surfistas chegaron ata Ribadeo, por qué tipo de controis pasaron, quen os verificou ou se
teñen controis sanitarios”. O alcalde engadiu: “como reflexión a esta situación cabe dicir que a planificación de todo tipo de eventos deportivos debe estar feita coa antelación necesaria para que as administracións, que poidan ter algo que ver, poidan emitir as autorizacións pertinentes e, para o caso de telas, deberían ser comunicadas ao resto de administracións polos condutos regulamentarios establecidos”.

Acisa Ribadeo non xestiona o Panchorro

Pola súa banda, ante as informacións publicadas hoxe por algún medio de comunicación, Acisa Ribadeo aclaraba esta mañá que nin organiza nin colabora con este acontecemento en torno ao surf e recomenda que non se celebre neste momento, dada a crise sanitaria pola que está a atravesar Galicia.

O presidente e o xerente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo, Francisco  Iriarte e Jesús Pérez, aclaran esta situación tralas informacións dadas por diversos medios de comunicación onde se fai referencia á asociación que, aseguran, “non ten ningún vínculo co evento”. Presidente e xerente subliñan que non teñen nada en contra pero que “agora non debería celebrarse”.

Dende Acisa sinalan que se pasan o día pedindo responsabilidade á poboación, “temos a hostalería, os ximnasios, a  cultura… e media actividade económica pechada, non entendemos que aporta celebrar este evento”. Para a Asociación non hai unha repercusión económica posible na economía local, “nin tan sequera, por desgraza, turística ou internacional, porque non se pode vir velo a Ribadeo e porque entendemos, ou eso esperamos, que non haberá surfistas doutros países”.

Acisa dirixiu asemade un comunicado aos seus asociados explicando a súa postura sobre esta celebración e sinala que “se ninguén quere ser responsable e dicilo en voz altoa, nós si”; e acompañan este comunicado con probas de outros eventos deportivos similares que foron cancelados, como os que se poden ver na imaxe que acompaña a esta nova.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo