O Concello destinará 70.000 euros en 10 anos para a conservación do humidal das Gándaras

O Concello destinará 70.000 euros en 10 anos para a conservación e promoción do humidal das Gándaras, un dos grandes patrimonios naturais de Lugo, que aspira a ser declarado ENIL (Espazo Natural de Interese Local). Así o avanzou a alcaldesa, Lara Méndez, este martes, coincidindo co Día Mundial dos Humidais que se celebra, dende 1997, cada 2 de febreiro. Fíxoo nun acto no que tamén participaron o concelleiro de Medio Ambiente, Álvaro Santos, e o catedrático da USC, Antonio Rigueiro.

A rexedora explicou que “dende o executivo municipal levamos tempo traballando para conseguir a declaración de ENIL para este espazo natural único. Conxuntamente coa USC, a través do proxecto Life Lugo+Biodinámico, acometimos a recuperación do humidal e fixemos unha proposta á Xunta, da que non obtivemos resposta. Pasado un tempo, a lei establece que se considera aprobada, por iso continuamos co procedemento específico para a protección desta xoia natural, coa elaboración dun plan de conservación”.

“Hoxe quero anunciar que este documento xa se atopa finalizado e levarémolo ao vindeiro Pleno municipal para, unha vez aprobado, poder remitirllo á Xunta. O plan de conservación contempla unha consignación económica anual, con cargo aos orzamentos municipais, para a posta en marcha de diferentes medidas, da man da USC e o Campus Terra, para a protección e a xestión do espazo, por un período inicial de dez anos, cun importe total de 70.000 euros”, avanzou Lara Méndez.

Trala aprobación no Pleno deste documento, requirirase á Xunta de Galicia a súa avaliación para que, posteriormente, sexa sometido a información pública e se declare definitivamente como ENIL, unha figura de protección de áreas naturais de Galicia, recollida na Lei de Patrimonio Natural da comunidade. Deste xeito, o humidal das Gándaras pasaría a ser o primeiro do municipio e o segundo espazo que adquira este recoñecemento na provincia.

A acaldesa lembrou que “dende o Concello de Lugo estamos a traballar no deseño das cidades verdes do futuro, unindo sustentabilidade e progreso como dous dos piares nos que se fundamenta a nosa acción de goberno, o que nos está a situar á vangarda do desenvolvemento urbano sostible e a loita contra o cambio climático a nivel nacional e internacional. Neste senso, impulsamos a recuperación do humidal das Gándaras-O Ceao, como área natural de alto valor ecolóxico que se atopa no ámbito urbano do Concello, entre dous polígonos industriais que dan nome ao espazo”.

O humidal forma parte, ademais, do denominado cinto verde que envolve toda a cidade, desde oeste a noroeste, seguindo os cursos fluviais de tres ríos Miño, Rato e Fervedoira, e localízase tamén dentro da área de transición da Reserva da Biosfera Terras do Miño, a de maior extensión de Galicia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com