O Concello garante a conservación das vías municipais tras as extraccións de madeira

A Alcaldesa de Lugo e o presidente da Asociación de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo asinaron esta mañá un convenio de colaboración que garantirá a conservación en bo estado das vías municipais tras as extraccións de madeira. “Damos un paso moi importante para conciliar o aproveitamento racional e sostible dos nosos montes co mantemento en bo estado dos servizos municipais empregados para esta actividade económica fundamental no noso municipio, no que o 52% é superficie forestal, e, en definitiva, coa calidade de vida dos veciños e veciñas do rural. Queremos que se poida vivir do rural e no rural”, subliñou a rexedora nun acto no que, xunto a  Daniel Díaz, estiveron o Concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández, e a secretaria xeral da asociación de empresarios da madeira lucense, Nuria Rodríguez.

Esta entidade agrupa a día de hoxe a 252 empresas, que representan o 99% das que operan na provincia, polo que “practicamente toda as extraccións de madeira que se fagan no noso concello van estar reguladas e amparadas por este convenio”, explicou a Alcaldesa, que augurou a “eficacia” do acordo, porque é froito do “diálogo e da vontade de colaboración” de ambas partes, o Concello e o sector.

O convenio supón a implantación dun protocolo de actuación, segundo o que antes de cada extracción a empresa madeireira comunica ao Concello a zona na que se vai talar, a vía ou vías municipais que se van utilizar para a saca e o punto de acopio da madeira. O Concello comprobará o estado das vías ao finalizar os traballos, e, de producirse danos directamente imputables á actuación da empresa que os realizou, esta farase cargo da súa reparación.

A rexedora destacou a importancia do sector forestal en Lugo, “un motor económico de primeira orde, cunha gran capacidade de xerar riqueza e emprego, ademais dunha fonte de ingresos complementaria na renda familiar para moitos veciños e veciñas”. Así o certifica que a provincia é unhas das de maior producción de España, con 3,8 millóns de toneladas extraídas en 2017, e que no concello preto do 52% da superficie é agroforestal. Como ferramenta complementaria, ademais deste convenio, a rexedora avanzou que o Goberno traballa na elaboración dunha ordenanza reguladora nese eido.

“O convenio asinado hoxe é unha manifestación de boas intencións”

O BNG municipal valorou positivamente este convenio que permitirá un mantemento axeitado das pistas do rural do noso municipio. Malia isto, dende o grupo nacionalista consideran importante a aprobación da proposición que o propio BNG presentou. “Este tipo de iniciativas son moi positivas para permitir que un sector estratéxico a nivel económico como é a industria da madeira poida convivir con total harmonía coa veciñanza do rural, de aí que sexa precisa unha regulación que quede patente no tempo como é o caso dunha ordenanza” explicou o portavoz nacionalista Rubén Arroxo.

Arroxo lembrou que foi o BNG, quen o pasado 13 de abril, presentou unha iniciativa para o Pleno na que se reclamaba a conservación das vías públicas por parte das empresas madeireiras que puideran provocar danos nas operacións de corta e saca. A iniciativa debaterase en pleno este xoves, para esixir a redacción dunha ordenanza que regule esta actividade, dada a boa experiencia que se ten coa aprobada no concello da Pastoriza, feita tamén a proposta do BNG.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com