O Concello garante a continuidade da Axenda Cultural en galego

O Concello de Lugo ven de desmentir a información difundida nas últimas horas sobre a suposta desaparición da Axenda Cultural semanal municipal en galego e confirmou que “a publicación continuará realizándose con normalidade”.

Segundo explicou o executivo local nun comunicado, a edición desta semana foi programada para mañá venres co obxectivo de incluír tanto a programación das Letras Galegas, que se celebrará durante a fin de semana, como as actividades previstas para o Día Internacional dos Museos, que terá lugar o luns.

O goberno municipal sinalou que a imposibilidade de publicar a axenda o pasado venres debeuse á situación herdada tras a toma de posesión do novo executivo, que se produciu o xoves 7 de maio. De acordo coa información facilitada polo Concello, a ferramenta empregada para elaborar a publicación viña sendo xestionada directamente desde o ámbito político da anterior concellería, sen que se trasladasen ao novo goberno nin ao persoal municipal os accesos, modelos ou procedementos necesarios para garantir a continuidade inmediata do servizo.

Durante estes primeiros días, indicaron desde o Concello, foi necesario reconstruír a “plantilla” de traballo e recuperar a información precisa para retomar a publicación semanal.

O executivo confirmou ademais que a Axenda Cultural volverá estar dispoñible mañá e reiterou o seu compromiso coa actividade cultural da cidade, coa difusión en galego da programación municipal e co acceso da cidadanía á información cultural “de maneira próxima, útil e continuada”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com