O Concello insiste: a Xunta debe dicir se apoia ou non a estación intermodal de Lugo

Ante as declaracións da Consellería de Infraestruturas nas que pon “novas pegas” ao anteproxecto da estación intermodal de Lugo, consensuado polos técnicos das tres administracións implicadas –Adif, Xunta e Concello-, esta vez referidas á demolición do edificio de Correos, o Goberno local insiste en “que a Xunta deixe de poñer escusas e se poña a traballar co Ministerio de Fomento, Adif e Concello como levan facendo os seus técnicos no último ano,  que abandone as súas tácticas electoralistas de bloqueo, e diga dunha vez se apoia ou non a intermodal”, subliñou o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Daniel Piñeiro.

O edil incidiu en que o anteproxecto presentado o pasado luns por Fomento “foi traballado e consensuado polos técnicos das tres administracións xa en novembro de 2018, nunha reunión na que estivo a propia Conselleira de Infraestruturas, e ratificado noutra xuntanza en xaneiro de 2019”.

Ademais, segundo afirman dende o Concello, “a busca de escusas” para tratar de xustificar o bloqueo leva á Xunta a contradicirse en tanto que, como lembrou Daniel Piñeiro, na licenza solicitada para a construción do centro integral de saúde da Residencia, o Goberno autonómico prevé demoler edificios que forman parte dun conxunto que está catalogado na ficha do PXOM como é o Materno Infantil.  “A Xunta e mesmo nós entendemos no caso do Materno que se pode xustificar a demolición porque afecta a engadidos ao edificio principal e que, aínda que teñen a mesma tipoloxía arquitectónica, foron construídos en épocas posteriores. O mesmo se pode facer coa intermodal no caso do edificio de Correos”, unha construción posterior, engadida á estación ferroviaria, “pero aínda non estamos na fase de licenza, senón no anteproxecto”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo