O Concello insta á Xunta a limpar a Muralla

O Concello de Lugo instou á Xunta de Galicia a limpar a Muralla e cumprir, deste xeito, coa súa obriga de mantemento deste Ben Mundial. Así o informou este xoves a edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, quen avanzou que “no día de hoxe enviamos un requirimento á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para que acometa a realización dos traballos ordinarios de conservación da Muralla”.

Neste senso, a edil lembrou que “a Consellería de Cultura e Turismo ostenta as competencias de tutela e protección sobre o monumento bimilenario que, nestes momentos, presenta un estado moi deficitario con relación ao seu mantemento e aseo dado que a maior parte dos cubos se atopan recubertos de herba, así como dunha inxente cantidade de maleza que, á súa vez, podería ocasionar considerables danos na construción”.

“Sendo conscientes de todas as limitacións que impuxo a declaración do Estado de Alarma e da recuperación progresiva de toda a actividade, tamén no sector público, instamos, dende a institución local, á Xunta de Galicia a iniciar, canto antes, a retirada da vexetación dos lenzos da Muralla, para evitar o seu deterioro contribuíndo, asemade, á mellora da súa imaxe que, estamos seguros, redundará igualmente na percepción do conxunto da cidade”, abondou Paula Alvarellos ao tempo que indicou que a Consellería de Cultura dispón de licenza municipal, outorgada en 2019, para a execución destes traballos por un período de 14 meses polo que aínda perdura o prazo de actuación.

Ao mesmo tempo, dende o Concello de Lugo, a edil tendeu a man e ofreceu “unha absoluta colaboración naqueles aspectos de titularidade municipal nos que a Consellería estime e poida precisar da nosa cooperación”, engadiu.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com