O Concello instala preto de 60 aparcabicis no casco histórico da cidade

O Concello comezou este luns a instalar preto de sesenta prazas gratuítas de aparcamento para estacionar bicicletas en varios puntos do casco histórico da cidade, en conxuntos de 2 e 4 prazas cada dispositivo, co obxectivo de pór a disposición dos usuarios deste medio un aparcadoiro seguro para as súas bicicletas, tal e como subliñou o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, quen, acompañado do voceiro municipal, Miguel Fernández, supervisou a colocación destes soportes.

“Con este proxecto demostramos unha vez máis que temos en conta as propostas dos veciños e veciñas”, asegurou o edil, que lembrou que dita colocación nace dunha proposta nos Orzamentos Participativos do Concello. Ademais, a entidade local pretende fomentar a utilización das bicicletas en detrimento do automóbil, ao tempo que se incorporan á mobilidade cidadá, manifestou Piñeiro.

Os aparcabicis, nos que a entidade local investiu preto duns 10.000 euros, colocaranse nesta semana no centro histórico. Concretamente irán instalados na Praza Anxo Fernández Gómez, onde irán colocadas 4 unidades cun total de 8 prazas, dúas na esquina do Concello e outras dúas no lado de Correos; na Praza de San Marcos, 4 unidades con 8 prazas, na zona esquerda da porta principal do Pazo de San Marcos, e outros 4 soportes, con 8 unidades, na rúa Xoán Montes.

Todos os usuarios de bicicletas tamén poderán deixar a súa bici aparcada na Praza de Santo Domingo, onde o Concello poñerá 14 prazas, ou na Praza da Soidade con 4 prazas. Así mesmo, haberá aparcadoiros entre a zona arborada da rúa da Raíña, 8 prazas, e na Praza de Santa María, 4 prazas, ao lado das escaleiras que dan á rúa Catedral.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com