O Concello licita as obras da pasarela peonil e a descontaminación do Carme

O Goberno de Lugo asinou os decretos para sacar a contratación as obras de construción da pasarela peonil ao Miño e a descontaminación dos solos do barrio do Carme, dous proxectos cun orzamento conxunto superior ao millón de euros incluídos na estratexia DUSI do Concello, denominada Muramiñae, da Muralla ao Miño, que ten como obxectivo integrar a cidade e o entorno fluvial a través do Carme, rompendo a discontinuidade urbana existente de norte a sur e de este a oeste. Cofinanciada nun 80% con Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado que conseguiu o Goberno de Lara Méndez levará consigo un investimento total de 12,5M€.

O proxecto da pasarela peonil conta cun orzamento de 988.400€ e un prazo de execución de 6 meses, mentres que a descontaminación dos solos do Carme ten 78.000€ de presuposto e un prazo para acometer as obras dun mes. Unha vez concluída a redacción dos proxectos técnicos, ambas actuacións saen a licitación. Así o avanzou a Alcaldesa, Lara Méndez, tras informar esta mañá da situación dos proxectos aos grupos da oposición durante a comisión de seguimento do Muramiñae, reunión que se celebra cada mes.

O prazo para presentar ofertas a estas licitacións, por procedemento aberto e simplificado, é de 20 días naturais dende a súa publicación no Perfil do Contratante, aloxado na Plataforma de contratación do sector público.

O obxectivo das obras da pasarela peonil ao río Miño é crear un novo itinerario para peóns e bicicletas que favoreza o acceso dende o centro urbano á zona do río, e en especial ao campo de fútbol, co fin de reducir a dependencia do uso do vehículo e mellorar a seguridade vial. Con esta actuación, o Goberno responde a unha importante, reiterada e histórica demanda cidadá.

As obras proxectadas consisten na execución dun paso superior peonil sobre a N-VI, que terá un dos seus estribos na isleta do enlace da N-VI co acceso ao complexo deportivo e ao campo de fútbol e a outra localizarase na zona máis próxima posible á zona do aparcadoiro do Pazo de Feiras.

No caso das tarefas de descontaminación dos solos do barrio do Carme, o Goberno tamén cumpre unha das necesidades históricas do barrio: eliminar os verquidos non controlados, e deste xeito o impacto que estes teñen na contaminación medioambiental e tamén na estética urbana.

Neste caso, contémplase a construción dun pozo de bombeo na rúa Vicedo, na súa parte baixa, que recollerá as augas de escorrentía da propia vía e as dos dous colectores existentes nesta zona que verten directamente ao Rego dos Hortos, para levalas á rede xeral de saneamento, a través do pozo de rexistro existente na rúa Santiago. Así, elimínanse dous verquidos incontrolados de efluentes contaminantes, ademais das augas escorrentías que danan a calzada da rúa Vicedo. A actuación levará consigo tamén o propio acondicionamento da rúa Vicedo, mediante a regularización da rasante, a colocación de pavimento, e a execución de cunetas nos laterais.

O Concello xa ten consignada outra actuación da súa estratexia DUSI, para poder iniciar o proceso de licitación a principios de ano: o carril bici, que alcanza case os 16 quilómetros de sendas ciclistas na cidade. O orzamento ascende a un millón de euros. Tamén están consignadas as obras de ampliación do acceso inferior da Nacional VI. O Concello xa conta coa acta de posta a disposición de ocupación duns terreos das  inmediacións que non eran propiedade municipal, necesarios para darlle continuidade e conectividade coa Calzada da Ponte, cuxa peonalización da rúa é outra actuación de futuro, dentro da planificación do modelo de cidade do Goberno.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo