O Concello perde 250.000 euros por ceder a xestión dos mupis a Clear Channel

A agrupación municipal Lugonovo estimou hoxe en máis de 250.000 euros os cartos que o Concello deixou de gañar permitindo que a empresa Clear Channel xestione, sen contrato, os mupis, é dicir os valos publicitarios das marquesiñas do bus.

“¿Por que o goberno consinte en que unha empresa se lucre gratuitamente das propiedades municipais?”. É a pregunta que se formula a portavoz de Lugonovo á vista de que a concesión para a explotación publicitaria das marquesiñas do bus expirou en setembro de 2016 pero a compañía que xestionaba o servizo segue operando, sen aportar ningunha contraprestación a cambio.

Segundo datos estimados pola axencia Oblicua, na capital hai asentados ao redor de 40 dos referidos soportes. O sector local taxa nun mínimo de 150 euros o prezo no que se comercializa a instalación de anuncios en cada unha das súas caras. “O que quere dicir que Clear Channel, actual beneficiaria da prebenda, percibe mensualmente uns 12.000 euros por dispoñer, sen contrato, dos espazos propagandísticos que existen na cidade”, advirte Cristina Pérez Herráiz.

Se esta cifra se multiplica polos 21 meses que leva caduca a licitación, o importe supera os 250.000 €, que son, á baixa, os cartos que a adxudicataria se tería embolsado, de balde, co beneplácito do executivo. “Non é só que o equipo de goberno non teña actuado para impedilo é que ademais é perfectamente consciente do que acontece e segue de brazos cruzados”, reprocha a voceira do Grupo Municipal quen lembra que xa a última prorroga do expediente estivo cuestionada por parte do departamento de contratación.

“Esta conivencia está a propiciar unha perda de ingresos para o Concello pero tamén posibilita que un negocio particular se enriqueza a costa de apropiarse do mobiliario urbano. Un mes, dous, pode pasar… pero 21 … tanta deixadez dá que pensar”, refire Pérez Herráiz.

A formación destaca que o feito de que a multinacional continúe sacando proveito destas dotacións non a obriga a responsabilizarse do seu mantemento xa que, neste caso, a tutela lle corresponde a administración, que é a súa propietaria. “E supón, polo tanto, un prexuízo máis engadido polo que dende Lugonovo – conclúe a portavoz – instamos ao executivo a poñer orde e rematar, de forma definitiva, coas anomalías detectadas”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo