" />

O Concello presenta o Plan de Igualdade 2021-2015 con 130 achegas de colectivos sociais

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou hoxe o borrador do IV Plan de Igualdade do Concello de Lugo 2021-2025, que recolle as estratexias e a folla de ruta coa que “seguiremos a impulsar intervencións públicas directas e no marco das nosas competencias para acadar unha cidade respectuosa, feminista e cun modelo de convivencia que se basee na igualdade de oportunidades para a muller”.

Acompañada da edil de Muller e Igualdade, Silvia Alonso, e da súa predecesora nesta área, Ana González Abelleira, a alcaldesa destacou a importante participación da sociedade civil de Lugo neste documento, “cuxo papel no deseño das estratexias na loita pola igualdade é decisoria, así como o é e será na súa aplicación e na transformación da sociedade a través da educación e de crear conciencia”. Neste senso, destacou que se presentaron máis de 130 achegas ao Plan través do grupo focal que se creou, integrado por numerosos colectivos e asociacións, sindicatos e a Universidade.

Ademais, na elaboración e no diagnóstico tamén participou a Comisión de Transversalidade, composta polas distintas áreas municipais, concelleiros e traballadores, “xa que as iniciativas en favor da igualdade deben aplicarse no conxunto das accións que desenvolvamos como Concello, asumindo que, aínda que estas se definen co obxectivo de mellorar a calidade de vida de toda a poboación, afectan de maneira distinta a mulleres e a homes debido ás súas diferentes condicións de vida”, sostivo Lara Méndez.

Este Plan de Igualdade, que xorde dun completo diagnóstico, recolle un total de 72 medidas e 28 obxectivos específicos que se enmarcan en 9 eixos de actuación: transversalización da perspectiva de xénero na Administración; promoción do asociacionismo e a participación das mulleres; sensibilización en materia de igualdade de oportunidades, violencia de xénero, trata, explotación sexual e todas as formas de violencia machista, incluída a violencia sexual; educación; emprego; conciliación e corresponsabilidade; cultura e deportes e saúde, urbanismo, mobilidade e vivenda.

Respecto aos plans anteriores, introduce como novidade no seus eixos o de ‘saúde, urbanismo, mobilidade e vivenda’, co fin de reforzar a perspectiva de xénero na mobilidade e seguridade cidadá, mellorar o acceso á vivenda de mulleres en situación de vulnerabilidade e impulsar a difusión de información para contribuír á mellora dos recursos sobre patoloxías exclusivamente femininas.

Cada unha das 72 medidas que incorpora o plan está acompañada de instrucións para a súa implantación, seguimento e avaliación, a designación das áreas do Concello responsables da súa implantación e o nivel prioridade de cumprimento de cada medida. Respecto á prioridade, establécense tres niveis –alta, media e relativa-, que responden a criterios organizativos, orzamentarios ou de dificultade técnica.

Entre as medidas hai novas accións a pór en marcha, e moitas das son de continuidade e de reforzo de accións que o Concello ven  desenvolvendo e que están a ter bo resultados.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo