O Concello presenta os orzamentos de 2022 como os da “recuperación social e económica”

O Goberno de Lugo vén de presentar un proxecto orzamentario para o vindeiro ano que describiron como “expansivo e solidario” no que prevén continuar coas medidas implementadas este ano para “saír reforzados da crise” xerada pola pandemia da Covid. Así o dixo a rexedora que presentou este documento acompañada do tenente de alcalde e o voceiro do Goberno.

Así, segundo avanzaron os mandatarios, estes orzamentos preséntanse como os da “recuperación económica e social”, unhas contas que ascenden a 106’8 millóns de euros (106.876.755 euros), case medio millón máis que o ano pasado (un 6’8% máis respecto ao exercicio do 2020).

Así, a falta de ser aprobado no pleno extraordinario  do vindeiro luns, 20 de decembro, a rexedora sinalou tamén que “co investimento, de 11 millóns de euros, ao que se sumarán 8 millóns máis dos fondos Next Generation, avanzarase na Segunda Transformación iniciada no 2015”. Ademáis, o emprego é unha das grandes prioridades do Goberno, segundo explicou polo que impulsa con 4’8 millóns o emprendemento, que se sumará a reindustralización do Lugo Transforma.

No lado social, o Goberno prevé destinar para políticas sociais preto de 30 millóns de euros, o 28% do orzamento, onde destaca o crecemento nun 12% para o Servizo de Axuda no Fogar e dun 39% para o Centro de Día.

Pola súa banda, o tenente de alcalde destacou que “estes orzamentos fan unha cidade amable para as persoas”, e anunciou obras en rúas e alumeado por valor de 2’8 millóns de euros”. Medio Ambiente destinará 1,8 millóns para o Plan de Intervención e Mellora dos parques infantís en todos os barrios e no acondicionamento de espazos e prazas públicas.

Unha área que tamén xestionará os maiores contratos de servizos, a limpeza da cidade e recollida de lixo, con 13 millóns anuais, e o mantemento de zonas verdes, de 3’4 millóns.

A rexedora explicou que os orzamentos “están pensados para ser motor da reanimación da vida social e económica que comeza a ver a luz tras dous anos marcados pola dureza da pandemia e pola crise que conlevou, e na que debemos seguir envorcando todos os nosos esforzos , liderando as políticas públicas que acompañen a todos e a cada un dos veciños e veciñas da nosa cidade”.

Neste senso, lembrou que a efectividade das vacinas é “a que nos está aportando esa ilusión que, aínda con cautela, nos achega pouco a pouco á normalidade das nosas vidas, pero como Administración local, temos a obriga de non baixar a garda ante escenarios aínda incertos, e de seguir ofrecendo todas as solucións que estean ao noso alcance para minimizar o dano económico e social desta situación”.

A alcaldesa explicou neste contexto que as contas para o 2022, que ascenden a 106’8 millóns de euros (106.876.755 euros), case medio millón máis que o ano pasado, o que supón un crecemento do 6’8%respecto ao exercicio do 2020.

Esta folla de ruta está baseada nunha “seria e rigorosa” planificación de gastos e ingresos. En canto a estes últimos, a rexedora incidiu en que se espera manter a previsión dos procedentes dos impostos directos e indirectos, “e máis concretamente, esperamos un bo comportamento da recadación vinculada ao imposto de construcións acorde coa medidas que activamos e ás que activaremos co fin de axilizar os trámites para a obtención dos títulos habilitantes preceptivos”. Así mesmo, destacou o crecemento nun 31’1% das achegas procedentes do Estado pola vía participación nos seus tributos, que pasará de 17’5 millóns de euros a 23 millóns no 2022.

Ademais, o Concello recorrerá a endebedarse en 5’6 millóns de euros, “mecanismo que utilizamos por primeira vez nos orzamentos do 2021 desde que no meu mandato pasado acadamos a débeda cero”, sostivo a rexedora, que aclarou que “non descartamos que, como fixemos tamén neste ano, poidamos substituír esta fonte de financiamento polos aforros do remanente, unha vez que coñezamos as magnitudes de aforro estrutural derivadas da liquidación orzamentaria”.

A rexedora aseverou que “a previsión de recadación para 2022 remítenos a escenarios previos á pandemia e a implementación do fondo de capital emprendedor Lugo Transforma actuará como impulso de cambio económico da cidade, sen esquecer o indubidable efecto positivo que, como xa dixen, a chegada dos fondos europeos Next Generation vai ter sobre a actividade económica xeral”.

Así, a rexedora apuntou que os orzamentos do 2022 destinarán para políticas sociais preto de 30 millóns de euros, o 28% do orzamento, “políticas que son a marca dos mandatos progresistas de Lugo desde os seus inicios. O foron co meu predecesor Orozco, e o son tamén nos meus”, aclarou para indicar que se traballa “para acadar mellores niveis de calidade de vida, atender aos colectivos máis vulnerables e integrar aos sectores máis desfavorecidos, así como para fomentar a oferta educativa, deportiva, cultural e turística, e marcando, así mesmo, unha implicación decidida dos distintos sectores sociais e económicos como impulsores dos cambios”.

Deste orzamento, destacan os preto de 12 millóns dirixidos aos programas sociais de benestar, persoas maiores e infancia, e o incremento dun 12’18% (454.335 euros) ao servizo de Axuda no Fogar, chegando ata os 4’2 millóns de euros, co fin atender aos maiores na súa contorna comunitaria o maior tempo posible.

Así mesmo, crecerá un 39% a partida de atención para os centros de día, cun investimento de 681.391’25 euros, e consolidaranse as axudas de emerxencia social e ao aluger, cun investimento de 600.000 euros, así como os programas de inserción social, cunha partida de 216.247 euros.

En relación ao Servizo de Igualdade e a Casa da Muller, o desenvolvemento do IV Plan de Igualdade e a prevención á violencia machista son os retos máis destacables, e contarán para iso con máis de 800 mil euros (808.070 euros).

A mocidade terá tamén un papel destacado, nunha área que contará cun orzamento de preto dun millón de euros para impulsar programas de lecer, formación e empregabilidade, e para a posta en marcha do Consello da Mocidade, mentres que para a promoción do deporte e da vida saudable destinaremos 3’3 millóns de euros.

O impulso económico é unha das máis importantes apostas do Executivo lucense, “estamos a destinar a maior inversión da historia con este fin, buscando a innovación e a vangarda, a través do fondo emprendedor municipal Lugo Transforma, de 12 millóns de euros, que se comezará a executar no 2022 servindo de impulso á economía verde, ao talento e á creación de emprego sostible”, comentou.

A rexedora anunciou tamén que se priorizarán iniciativas de creación e promoción de postos de traballo desde a área de Desenvolvemento Local a través do emprendemento cun investimento de 4’6 millóns de euros, do que destacan as partidas vinculadas aos obradoiros de formación por importe de 327.832 euros.

Tamén valorou a rexedora outras partidas como grandes dinamizadoras da vida social e do comercio local, como as do festival Caudal Fest, con 217.800 euros, o Arde Lucus, seña de identidade da cidade que mantén a súa dotación de 350.000 euros, ou as festas patronais de San Froilán, que incrementan o seu crédito en 200.000, ata un importe de 1.000.000 de euros.

A alcaldesa referiu que, sen dúbida, a partida de investimentos públicos será un enorme revulsivo para mobilizar a economía e o emprego. Este ano, a mesma ascende a 11’1 millóns de euros, que aínda que nun principio diminúa en 3 millóns respecto ao 2020, logo ascenderá a un mínimo de 20 millóns coa incorporación dos 8 millóns dos Fondos Next Generation solicitados para finalizar a peonalización do Casco Histórico e a actuación na Praza de Santo Domingo.

Entres estas obras, destacan: Un importe de 2.880.000 euros para pavimentar rúas da cidade e o alumeado. 190.000€ para renovación do Cemiterio Municipal e creación dunha zona expositiva. 100.000€ para realizar distintas melloras. Renovarase a climatización tanto da Praza como do Mercado. 1.200.000 euros para a posta en marcha do Plan de Intervención e Mellora de zonas de xogo infantil en todos os barrios. 660.000 euros para a remodelación de espazos urbanos, prazas e xardíns urbanos. 365.000 para mellorar nos espazos rurais. 2’5 millóns de euros para o avance das obras DUSI Muramiñae para humanizar o barrio do Carme e impulsar a accesibilidade na contorna do Miño, así como na mellora do patrimonio.

Así mesmo, a Alcaldesa lembrou que o Goberno municipal asumiu como prioridade aprobar na súa totalidade o ordenamento urbanístico, tramitar a revisión do Plan Xeral de Ordenación Urbana para demoler o Garañón e crear unha nova zona verde nas costas do parque Rosalía de Castro, pulmón da cidade; ou o desenvolvemento do Plan Biodinámico que se acometerá en 2022 e demais actuacións urbanísticas para as que existía crédito en 2021 e que se consumarán no vindeiro ano.

Méndez tamén destacou o proxecto para construír as novas instalacións para a Protectora de Animais, que se van realizar en 2022 co compromiso financeiro da Deputación.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com