O Concello recibe 42 ofertas para a execución das obras de abastecemento en Fontiñas, Fingoi e Meilán

O Concello de Lugo recibiu 42 ofertas doutras tantas empresas interesadas na adxudicación das obras de tres proxectos de abastecemento de auga na cidade e na zona rural. Trátase das obras para mellorar a rede de abastecemento nas Rondas de Fontiñas e de Fingoi e para ampliar a rede de abastecemento na parroquia de Santiago de Meilán, levando o servizo a dous núcleos, Guntín e Castro, que agora carecen deste servizo municipal.

A realización destas tres obras saiu a concurso en tres lotes cun presuposto de licitación dun máximo de 741.897 euros e un prazo máximo para a execución das obras de catro meses.

A Mesa de Contratación reuniuse esta mañá para examinar as ofertas presentadas, que constitúen unha cifra récord dado que é moi superior ao xa elevado número de propostas que se veñen recibindo nas últimas convocatorias de obras que fai o Concello.

A Mesa de Contratación admitiu as 42 ofertas presentadas pero non adxudicou aínda as obras, porque algunhas das propostas económicas poderían estar incursas en baixa temeraria, polo que se decidiu abrir un prazo para que as empresas afectadas xustifiquen as súas ofertas.

As dúas actuacións que levará a cabo a Concellería de Infraestruras e Zona Rural nas Rondas de Fontiñas e de Fingoi teñen por obxecto a mellora da rede de abastecemento, en dúas zonas que pola súa antigüidade sofren frecuentes roturas e aproveitase para a renovación de treitos de rede que son de fibrocemento e vanse substituir por materiais de fundición dúctil.

Aproveitando estas obras, o proxecto prevé a renovación da pavimentación existente entre Illa de Man e Pintor Corredoira, coa substitución da baldosa hidráulica existente co obxectivo de homoxeneizar a estética dos percorridos peonis.

No caso da ampliación da rede de abastecemento en Meilán, ten por obxecto a ampliación da rede municipal de abastecemento para dotar deste servizo aos núcleos de Guntín e Castro. Na actualidade estes dous núcleos, nos que hai arredor de 41 vivendas, non contan con rede de abastecemento municipal, de xeito que se serven de pozos particulares.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com