O Concello repara o firme da rúa Río Landro logo do deterioro causado por unha fuga de auga

O concelleiro de Medio Ambiente supervisaba esta mañá o inicio das obras de reposición do firme no tramo de Río Landro afectado por unha fuga de auga o pasado venres, día 11 de outubro, toda vez que se resolveu o proceso de contratación da actuación de forma urxente.

Álvaro Santos explicou que a rotura dunha tubaxe da rede de abastecemento ocasionou diversos danos tanto no pavimento como noutras infraestruturas e obrigou a cortar a subministración dende as 12 da mañá e ata as 12 da noite. “Aínda que a Brigada de Augas conseguiu solucionar a incidencia na mesma xornada, resulta prioritario proceder agora á execución das obras que permitan restablecer o tránsito peonil e aos accesos ás propiedades privadas”.

O edil de Medio Ambiente referiu que a zona máis afectada atópase na beirarrúa, a altura do número 28 desta vía. “Sen embargo, os técnicos municipais determinaron que coa presión da auga prodúxose a erosión de alomenos unha parte do firme da estrada sendo preciso, primeiramente, retirar entullo, xabre e area para avaliar a actuación que cómpre desenvolver a continuación”.

Para a execución das tarefas, Álvaro Santos, indica que será preciso ocupar o espazo anteriormente sinalado e parte da calzada destinada a estacionamentos, polo que se limitarán as prazas de aparcamento existentes neste punto para dar paso alternativo aos viandantes por elas.

Do mesmo xeito, o concelleiro de Medio Ambiente anuncia que, seguindo o Plan de Tráfico e Seguridade deseñado polo servizo de Enxeñería, procederase a pechar a zona cun valado provisional que será debidamente sinalizado. A ocupación manterase durante 20 días, mentres se desenvolven os traballos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com