O Concello só manterá como presenciais os postos de traballo públicos que son esenciais e imprescindibles

Vistas as distintas medidas preventivas que limitan a moblidade adoptadas no día de onte polo Goberno Central con motivo do estado de alarma ante a crise sanitaria do Covid-19, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, asinou un novo decreto cos servizos públicos municipais esenciais e imprescindibles.

O mesmo se aplicará dende hoxe, día 16, ata o 31 de marzo, ambos os dous inclusive, podendo ser prorrogado dito prazo en función da evolución da situación e das medidas que se adopten polo Goberno do Estado e a Xunta de Galicia.

Segundo este decreto, só se prestarán aqueles servizos públicos considerados básicos e estratéxicos e os empregados públicos traballarán, con carácter xeral, mediante sistemas non presenciais como medida preventiva para evitar o contaxio do virus, con excepción dalgunhas áreas, nas que, nalgúns casos, o traballo deberá exercerse de maneira presencial na súa totalidade e, noutros, onde se rebaixa o número de empregados para atender os servizos presencialmente e as coordinacións coas empresas adxudicatarias, establecéndose quendas.

Así, será traballo presencial o cen por cento no caso dos servicios de cemiterios, o SAF (Axuda no Fogar) pola súa atención ás persoas máis vulnerables e os vinculados á seguridade cidadá. Deste xeito, traballarán a totalidade dos bombeiros e dos policía locais, agás, neste último servizo, os postos correspondentes ao apoio administrativo e á unidade de sancións.

Dos demais servizos básicos e estratéxicos, redúcese o traballo presencial nos de atención social, servizo de limpeza e recollida de lixo, limpeza de edificios, rexistro, brigada de augas e conserxería.

Sen prexuízo do disposto, os empregados municipais quedarán a disposición das necesidades que poidan xurdir nos servizos respectivos, debendo asistir ao seu traballo cando así se lle requira.

O decreto asinado tamén suspende a celebración do Pleno Ordinario deste mes de marzo, as Xuntas de Goberno Local, as comisións informativas e resto de órganos colexiados  ata o 31 de marzo.

Así mesmo, habilítase un Comité Permanente de Avaliación e Xestión, presidido pola alcaldesa Lara Méndez e formado polos concelleiros Paula Alvarellos, Rubén Arroxo, Álvaro Santos, Olga López e Cristina López.

O Concello deu conta deste decreto ás organizacións sindicais, ao comité de Seguridade e Saúde e aos xefes/as ou responsables de servizo, sección ou unidade administrativa, así como á totalidade dos empregados/as públicos municipais.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com