O Concello vése na obriga de renunciar a 25.000 euros polas “trabas da Xunta”

O Concello de Lugo vén de renunciar a unha axuda da Xunta de Galicia que permitiría realizar investimentos para mellorar as escolas infantís Luís Soto Menor, María Wonenburger, Serra de Outes e Gregorio Sanz cun total de 25.043,23€. Segundo explicou o concelleiro de educación, a Xunta deu de prazo de 15 días no que debían presentar a documentación relativa a todas as actuacións realizadas con estas axudas antes do día 5 de decembro. “Nun prazo de 15 días non é posible realizar as obras, facer os trámites administrativos e xustificar o importe das axudas”, declarou Felipe Rivas.

Segundo indicou o concelleiro de Educación, o Concello de Lugo solicitou unha prórroga do prazo o 21 de novembro, mentres dende a concellería se realizaban os trámites para tentar non ter que renunciar “ante a imposibilidade material de cumprir eses prazos”, declarou o edil responsable, que engadiu “unha vez se nos notificou a denegación da prórroga, vímonos na obriga de renunciar á axuda”.

A Xunta de Galicia abriu o prazo o pasado 8 de agosto, presentando o Concello a solicitude o 20 de setembro. O 22 de novembro publicouse no DOG a resolución, adxudicándose ao concello de Lugo un total de 25.043,23€ para estas melloras. Felipe Rivas denunciou “o maltrato que a Xunta de Galicia da aos servizos públicos”, e explicou que “para unha institución é imposible realizar toda a tramitación administrativa destas melloras con tan pouco prazo”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo