O DOG publica a orde de aprobación do Plan Especial do Consorcio dos Peares

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Orde pola que se aproba o Plan Especial de Protección, Infraestruturas e Dotacións do Consorcio Local dos Peares, un instrumento de vangarda que por primeira vez abrangue dúas provincias distintas e catro concellos de excepcionais valores ambientais e paisaxísticos.

Con este instrumento protéxense e vélase polos valores paisaxísticos, ambientais e tradicionais dos catro concellos que integran este organismo: Pantón e Carballedo, na provincia de Lugo, e A Peroxa e Nogueira de Ramuín, na de Ourense. Non só se busca preservar e protexer ditos valores, senón tamén poñer de relevo o seu carácter tradicional, a través de actuacións respectuosa co medio ambiente onde priman as actuacións de rehabilitación do patrimonio construído, promovendo a súa mellora, conservación e rehabilitación das edificacións existentes.

Este plan é unha guía para a mellora das condicións estéticas, de uso e habitabilidade, establecendo as pautas de crecemento sustentable máis adecuadas e contribuíndo deste xeito a facer máis atractivo e interesante para os inversores privados todo o ámbito territorial ao que se refire.

Así mesmo, o Plan Especial establece unha ordenación congruente cos catro instrumentos de planeamento xeral vixentes en cada un dos concellos que abrangue, sen alterar a clasificación do solo nin incrementar as posibilidades edificatorias, e establecendo á vez determinacións de cara á protección e integración ambiental e paisaxística. Nese sentido, define as áreas de protección dos núcleos e as condicións de edificación e rehabilitación para que se manteñan as características paisaxísticas, que son as que lle confiren a súa singular idiosincrasia tradicional.

O Plan especial, que abrangue unha superficie de 350 hectáreas, concéntrase en manter as condicións ambientais dos núcleos, pero tamén prevé varios proxectos de urbanización para mellorar as condicións dos espazos públicos, así como o viario interno que articule e fixe dotacións e equipamentos. Eses proxectos terán efectos positivos na mobilidade, no espazo público e nos servizos existentes, mellorando a calidade dos mesmos.

A modo de exemplo, prevese a realización de proxectos de mellora para o viario de enlace, como o vial que vai dende Os Peares a Ambasmetas, o que enlaza Os Peares-A Granxa cos núcleos -chamados Peares- situados a carón da Estación do tren, ou o que vai dende Casdavil ata a estrada que da acceso á parcela dotacional na que se sitúa o centro de saúde e a pista polideportiva. Tamén se prevé a reurbanización do ámbito da estación de ferrocarril, a integración ambiental e paisaxística da nova ponte sobre o río Miño, incluíndo os enlaces viarios nas dúas ribeiras, así como a urbanización do enlace entre a Igrexa de Nosa Señora do Pilar e a ponte do ferrocarril e do borde fluvial do río Búbal, para a súa adecuación como zona verde.

Nos proxectos trataranse aspectos que relacionan os núcleos de Casdemoure- A Regueira, O Vao, A Granxa, Os Peares, Casdavil, Soutelo, O Torrón, O Mesón, O Coitelo e Ambasmestas coa súa contorna e cos servizos, como a disposición dos puntos de recollida de lixo, analizando a posibilidade de soterralos; a localización de posibles paradas  e
autobús; o soterramento das instalacións; a pavimentación; a dotación de aparcadoiros; ou a disposición dun mínimo e necesario moblaxe urbano.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com