O voceiro popular Jaime Castiñeira afirmou esta mañá que “non se debe agardar á decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para crear unha comisión para garantir a defensa dos intereses dos lucenses en relación á CS-5 e o seu entorno, xa que neste momento quen imputan posibles delitos a Orozco e Besteiro son os tribunais de Lugo”.
Logo de coñecer que os socialistas son partidarios de esperar a que se produza o pronunciamento do TSXG, Jaime Castiñeira sinalou que “unha vez que se produza unha resolución firme deste tribunal, a marxe de decisións que lle pode quedar ao Concello de Lugo vai ser moito menor”.
Nesa liña, o voceiro dos populares no Concello de Lugo pide ao grupo de goberno “maior seriedade e maior rigor” nos argumentos que empregarán durante o debate desta iniciativa plenaria. “Dá a impresión de que o equipo de goberno pretende seguir estando agazapado sen defender os intereses dos lucenses”, opina Jaime Castiñeira.
Ademais, o voceiro popular asegura que “o que sería verdadeiramente extemporáneo sería seguir deixando pasar o tempo sen tomar ningunha decisión”. “Precisamente é o goberno quen quere que esta comisión estea fóra de tempo e fóra de lugar ao supeditar a súa creación a unha resolución xudicial que non se sabe cando se vai producir”, asevera.
Jaime Castiñeira indica que “os receos do Partido Socialista para constituír esta comisión poden entenderse debido a que foron eles quen aprobaron en solitario todas as xestións urbanísticas do Garañón e do seu entorno” e subliña que “os lucenses non podemos estar condicionados ao conflito de intereses particulares que se lles plantea neste caso”. “E non podemos perder de vista que dos 25 concelleiros da corporación, 17 non pertencemos ao partido político que é responsable desta xestión”.
Doutra banda, Jaime Castiñeira tamén puntualizou que “o que está en cuestión non é o Plan Xeral de Ordenación Municipal de 1991, senón a xestión urbanística (convenio, concesión de licenzas, cambio do sistema de xestión, aprobación do Plan Especial), que do mesmo realizou no entorno do Garañón o goberno socialista”.
“A mellor proba de que isto é así é que quen están imputados pola posible comisión de varios delitos son Orozco e Besteiro, non os que aprobaron o PXOM”, explica.
Por último, os populares invitan aos socialistas a afrontar a cuestión do Garañón “con rigor e seriedade, sen intentar manipular con mentiras tan burdas como que o Plan de 1991 foi obra do PP”, dado que a dirección dese documento urbanístico recaeu en Vicente Quiroga, durante a súa etapa de alcalde independente. “O PP o único que fixo foi apoialo”, concluíu.