O Goberno da Deputación inviste outros 91.000 euros na roza de estradas provinciais de 10 Concellos

O voceiro do Executivo da Deputación, Álvaro Santos Ramos, informou este venres que a Xunta de Goberno aprobou, con máis de 91.000 euros, a contratación de 3 pequenas empresas da provincia (Viveiro, Incio e Sarria) para a realización dos traballos de roza en estradas provinciais de 10 Concellos.

O presuposto e os municipios distribúense do seguinte xeito: son 39.781 euros para a roza de estradas provincias en Vicedo, Viveiro, Xove e Ourol; 29.911 euros para as de Baleira, Baralla e Láncara; e 21.489 euros para as do Páramo, Paradela e Sarria.

Santos Ramos explicou que “en total, coas contratacións que aprobamos hoxe e as que acordamos en pasados días, levamos investido máis de 500.000 euros na roza de vías provinciais de 50 municipios da provincia. O conxunto destes traballos foron adxudicados a 17 autónomos e pequenas empresas. Nas vindeiras semanas, adxudicaremos os traballos de roza nas estradas provincias dos restantes 17 Concellos da provincia con outros 300.000 euros, pois en total achegamos 800.000 euros a esta programación nas vías dos 67 municipios”.

Por outra banda, o deputado, tamén informou da aprobación do programa provincial de piragüismo con 212.500€, que responde a petición dos 7 clubes de piragüismo da provincia de Lugo, e que ten como obxectivo que todos os lucenses coñezan esta modalidade deportiva. Santos tamén explicou as actuacións que se realizarán neste programa entre as que se encontran, actividades de promoción en centros educativos, cursos de formación e a contratación dun técnico que rotará polos sete clubes para encargarse de que o programa funcione e o piragüismo chegue a todos os lucenses.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com