" />

O Goberno local ordenou preto de 4.500 horas extra fóra do límite legal

O voceiro do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, desvelou que 120 traballadores municipais non cobrarán todas as horas extraordinarias que a alcaldesa e o equipo de goberno lles ordenaron realizar por exceder dos límites máximos establecidos no Regulamento Interno de Persoal en case un total de 4.500 horas.

Antonio Ameijide explica que estes 120 traballadores municipais fixeron as horas que desde o equipo de goberno lles ordenaron realizar, equipo de goberno que agora “semella non quere pagar”. Durante o ano 2017 os traballadores municipais realizaron 15.578 horas extraordinarias, cun custe de 323.460€, pero, destas horas extra, máis de
3.133 horas quedarán sen pagar. “Un 20% das horas extraordinarias asinadas polo equipo de goberno quedará sen pagar o que se traduce nuns 65.000€”, afirmou Ameijide.

No que se refire ao ano 2018, ao Grupo Popular so lle facilitaron datos ata o mes de agosto, e ata esa data os traballadores municipais xa realizaran 8.034 horas, o que se traduce nun custe de 189.539€ para as arcas municipais. Pero, como no ano 2017, nesta ocasión tamén hai traballadores que excederon o límite, o que se traduce en 1.350 horas por enriba dos máximos legalmente estipulados. “O peor é que aínda faltan os catro últimos meses do ano”, explicou Ameijide, que engadiu que a situación “pode empeorar moito” xa que son meses nos que está o San
Froilán e outros eventos que propician un reforzo do persoal.

Atendendo aos datos segundo os diferentes servizos municipais, dáse o caso de que a un so traballador lle queren deixar sen pagar 7.767€ polas horas extraordinarias realizadas, xa que acumula un exceso de 328 horas. “Falamos dunha cantidade de diñeiro moi importante e que se trata de horas encargadas e traballadas por esa persoa e agora Lara Méndez e o equipo de goberno non queren pagar”, afirmou o popular.

Por servizos, os departamentos que acumulan maiores débedas son Bombeiros e Policía Local aos que lles adebedarán 17.838,04€ e 22.873,10€ respectivamente, en 2017. No 2018 (ata agosto) sancións foi o que máis horas acumulou, cun exceso de 730 horas, o que se traduce en 12.680,10€ que os empregados poderían non cobrar.

Antonio Ameijide destaca ademáis que os socialistas “abusan” das horas extraordinarias porque “non realizan o seu traballo que é reforzar todos os servizos que precisan de máis persoal” ante a gran carga de traballo e os poucos efectivos que hai para realizalo. Departamentos como informática, cemiterio, conserxería, bombeiros, parque móbil, policía local ou sancións “están totalmente saturados”.

Unha situación ante a que Antonio Ameijide pregunta a Lara Méndez que vai a pasar cos 120 empregados municipais que excederon o límite máximo de horas extra. Para o voceiro popular o xeito de actuar dos
socialistas propiciou un “enriquecemento inxusto” do Concello a costa do traballo dos empregados municipais. Por iso o popular afirma que se os socialistas non pagan esas horas traballadas, os traballadores terán que acudir á xustiza e “quizais” haberá responsabilidades persoais e patrimoniais da alcaldesa e dos concelleiros que asinaron as horas.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo